Manuel Herminio Iglesias
Cando alborea a mañá despertan os namorados,
pois o galo co cantar chamou ó día sen pranto.
Aturuxou coma sempre, a súa obriga é cantar,
e díxolle á lúa chea: Vaite lúa a descansar…
Non é o primeiro caso no que uns urbanitas que veñen a desfrutar da natureza nunha casa rural erguen a protesta descoñecedores de que os galos aturuxan ó romper o día. Os galos cantan, é a súa obriga. Pois di o refán que: galo que non canta algo ten na súa gorxa. E como veñen da ruidosa cidade buscan o silencio absoluto. Mais non saben que pra ter silencio absoluto terían que ir a un mosteiro, e aínda así escoitarían ós monxes rezando e cantando á deshora. Transportar formas de vida urbanas a lugares onde a vida máis natural leva milleiros de anos existindo con toda normalidade, máis ca un erro, e ter un descoñecemento total de como se vive neses lugares. Non sei si é que no seu caletre, ou no seu maxín, pensan que vivir nunha aldea é algo tan romántico que ate escoitar a que é a fala dos animais, ou son da campá da Igrexa, ou do reloxo, truncan o seu sono nugallento, polo que lles parece que eso é unha anormalidade.
Está claro que unha cousa e maxinar o rural que ti queres é outra ben distinta a realidade dese rural que, para moitos, semella un espazo bucólico e moi idealizado.
No rural, polo menos no que eu coñecín e no que aínda, que moi urbanizado vivo, a vida sempre foi moi distinta á que hai nunha cidade. Pois no rural que son as aldeas e as pequenas vilas desta terra, o primeiro que acontece é que todos nos coñecemos e nos saudamos ó vernos pola mañá. E cando nos atopamos na rúa volvemos a falarnos. Todos sabemos onde vivimos, onde traballamos e o que facemos; ademais das terras que traballamos ou das que hoxe temos en ermo. Tamén sabemos cando a campá da igrexa toca e pra que toca. E si morreu un veciño ou se hai algún acontecemento que altere a vida da comunidade imos a axudalo ou a darlle o pésame ós familiares. Mais estes acontecementos son moi distintos para os que veñen buscando un rural idealizado á súa medida que é o que moitos visitantes traen na cachola. E claro, se toca a campá dando as horas e as medias, ou se a campá toca a defunto, ou se toca para ir á igrexa a esa xente moléstalle, pois aínda están durmindo. E como veñen buscando o silencio absoluto o galo que canta ó romper o día, moléstalle e fuxen.
No rural, nas moitas aldeas e vilas desta terra a xente ten galiñeiros, e ten coellos, e ate non hai moitos anos criábanse porcos pra cebar. E claro, chegar de turistas con esixencias buscando ise lugar que se visualiza nos anuncios é topar outra realidade é tanto como sentirse un chisco perdido, ou mellor, darse conta de que descoñeces como é a vida nese rural tan fermoso que temos.
O certo é que uns que viñan da capital a unha casa “Rural” fuxiron porque lles molestaba o canto matutino dun galo. E digo eu: moitos deste amantes que se din do rural e outros que se adxectivan como ecoloxistas, poderían vivir nos extrarradios desta cidade por poñer un exemplo? Porque hai moitos galiñeiros e as campás, como acontece onde vivo, tocan as horas e as medias, tocan pra ir á misa diaria e tamén cando hai un defunto. E máis ningún veciño protestou por tales toques ou aturuxos. Mellor, son considerados un servizo necesario pra comunidade.
En fin: vir visitar o rural sen saber como se vive nel, pode traer sorpresas que pra algúns ate poden ser consideradas molestias. Eso foi o que lle pasou a uns turistas descoñecedores da vida que se estila nestes lares onde están as Casas Rurais.. Con todo, que cousa máis fermosa que: cando alborea a mañá te desperte o canto natural dun galo. Eso é vivir no rural. O demais é outra cousa.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política