Manuel Herminio Iglesias
Os esquemas repítense, e nas eleccións galegas o PP di que estes comicios son pra estar a favor ou en contra do malvado Sánchez. Moi pouco ten que contar o sr. Rueda da súa xestión e da do seu partido dende hai case catorce anos. Polo que parece que esta terra non hai problemas que salientar nin reivindicacións que estean á espera. No noroeste, e máis concretamente nesta provincia do interior galaico, tampouco hai nada que dicir da situación nin do que se fixo en catro mandatos cando Rueda era o segundo dabordo dos populares. Os problemas desta terra non importan ren. Por iso hai que falar doutras cousas e doutras xentes. Hai que desviar á atención traendo a colación o que non nos importa. Esa é a táctica política que lle convén os partidos con sede en Madrid. Política perversa e mala para Galicia. Polo que todo hai que centralo en machacar ó desquiciado presidente do goberno e magnificar os seus desacertos. Todo hai que centralo no España se rompe e nun feixe de frases manidas que repetídas moitas veces axudan a desviar o obxectivo destas eleccións. Mais estas eleccións son pra solventar os problemas desta terra; son pra render contas do que se fixo nun periodo de tempo e pra marcar a liña do que se fará nos vindeiros catro anos.
Non sei se os galegos lembran que Feijoo dixo en diversos mandatos que o rural e o os seus problemas terían preferencia nas políticas da Xunta. E claro, como os anos pasan e as realidades son moi tercas, o rural segue a esmorecer. Tampouco se fala nada da caída da poboación. Da pérdida de servizos básicos na sanidade nas cidades e vilas. Mentres, con toda a intención, agóchase de que Galicia, e sobor de todo Ourense como provincia, é unha das maiores produtoras de enerxía electrica de todo o Estado. E digo eu: válenos de algo? Non. E quen reivindica esa riqueza pra que revirta na provincia? Pois que se saiba soamente o fai un grupo.
Vivimos no tempo da táctica do despiste. Estratexia que os partidos con sé na capital do reino empregan a posta. Polo que buscando unha comparanza, a campaña galega comenza a semellarse a unha revista rosa con pinceladas de pequenas cousiñas. Pequenas novas que nos venden como agasallos pra engaiolarnos. Agasallos pra entreter ó personal e pra que iste pique e discuta no bar. Mentres tanto, os grandes asuntos como o da producción electrica e outros, pospóñense sen data pra que morran no esquecemento. Pois convén que a Galiza sumisa camiñe dentro dun conservadurismo que non ofrece ren. Mellor, que só oferta continuidade e silencio. Que só oferta agochar as novas dende San Caetano nunha tele que semella que só naceu pra falar de festas e comerotas. Algo semellante ó que fai Jácome en Ourense: organizas festas chocalleiras. E o máis triste do asunto, o que máis manca, é que as xentes do rural, que son as que máis problemas estruturais arrastran e peor viven son as que máis votos aportan pra que nada cambie nesta terra.
Non sei que acontecerá nestas eleccións do 18 F. Non sei se a fría e moi pouco empática presencia do Sr. Rueda será capaz de manter esa cómoda maioría que lle deixou Feijoo. Con todo, espero que alomenos alguén fale dos problemas reais desta Galiza onde todo está por chegar, maís nunca chega. Esta terra que ten un potencial moi importante e un gran futuro por diante; máis hoxe gran parte dela está en ermo. En fin, compre quen fale dos problemas desta terra, e que oferte algo novo e distinto. De momento soamente hai unha forza que, con maior ou menor acerto, tenta facelo. Espabilemos, e ademais de vivir e actuar como galegos, poñamos tino e esixencia pra que se afronten os asuntos que nos interesan como nacionalidade histórica que somos e, á hora de votar, reflexionemos e actuemos en consecuencia, pois estas eleccións son as galegas.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política