Máis de 300 persoas reciben formación gratuíta no sector dos coidados grazas ao Plan Corresponsables Femupo

A formación arrincou en outubro e oriéntase á obtención do Certificado de Profesionalidade no Coidado de Menores

Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) iniciou o Plan Corresponsables Femupo co obxectivo de dignificar o sector dos coidados a menores transformándoo en actividade laboral regulada.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o mes de outubro, impartiuse formación gratuíta a 320 persoas interesadas en obter o Certificado de Profesionalidade no Coidado de Menores ata 16 anos. Os grupos de formación repartíronse por 13 municipios da provincia, ademais dun grupo online.

“Dende Femupo estamos tratando de chegar ao máximo número de persoas da provincia, e a xente está respondendo. Mantivemos reunións informativas con 110 concellos e entidades interesadas en colaborar e temos xa 500 persoas censadas no Plan,” declara a presidenta da federación, Raquel Touriño. “Facemos este esforzo porque cremos firmemente na necesidade dunha corresponsabilidade real que permita a conciliación da vida laboral coa familiar e acadar a igualdade de xénero,” engade.

A formación ofertada por Femupo consiste en cursos de manipulador/a de alimentos, primeiros auxilios, competencias dixitais básicas e competencias clave, aínda que se personaliza en función da formación previa das persoas inscritas.

Para participar é preciso inscribirse nun formulario a través da páxina web do Plan Corresponsables Femupo (www.femupocorresponsable.wixsite.com). Para máis información as persoas interesadas poden consultar a web ou contactar con Femupo no teléfono 678804226 ou por correo no enderezo corresponsablesfemupo@gmail.com.

O Plan Corresponsables Femupo xorde grazas ao convenio de colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, co obxectivo de apoiar o desenvolvemento do Plan Nacional de Corresponsables.