Artigo 2 : ” Galicia, esa esquina do mapa “

Antón Jardón (Vilar de Santos, 1952), secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito. Na actualidade é Coordinador do Museo da Limia. Coautor dos libros O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019) e A luz da chuvia (2019), colabora habitualmente con artigos de opinión no diario La Región e nos dixitais Praza.gal e Galicia Confidencial.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” Galicia, esa esquina do mapa “

«Digo unhas veces si, mitá da ialma, / digo outras veces non / e perdo o rumbo e a esperanza» (O vento no teu colo, Antonio Tovar)

Galicia é esa esquina do mapa á que os centralistas propiamente ditos –Madrid, ao fin e ao cabo–nunca a deixarán de considerar periferia, pase o que pase. Non pola súa situación xeográfica fisterrá, senón pola actitude de submisión e petulancia dos seus representantes que, cando teñen a oportunidade de pintar algo, sempre acaban debuxando centolas rosadas e estampas de cor verde botella. Semellante actitude, tan ionizada de carga negativa, levámola apegañada á nosa pelica, coma unha samesuga, mesmo dende antes de existirmos, porque os de acolá sempre se crerán imbuídos do dereito a zugarnos o sangue ou, no mellor dos casos, a ignorarnos; e os de aquí, cando poden rascar algo na capital do reino, en canto atravesan o Padornelo, uns perden o sentido de pertenza e outros coidan que só eles se bastan para salvar a patria.

Mais todo iso, mesmo sería insignificante se aqueles de aquí, aos que tanto se lles enche a boca ao pronunciar a palabra Galicia, foran quen de percibir o que importa en cada momento, especialmente agora, cando no ámbito cultural, social, económico, territorial, identitario… o país fenece sen remedio.

Así que, como en breve haberá eleccións en Galicia e, malia non decatármonos, talvez vallan para decidir se queremos seguir recuando ou alancar ata darlle azos a unha alternativa política que nos permita enfiar o futuro doutro xeito, ilusionando á xente do común. Mais, se non avanzamos, a culpa non será de Feijoo nin do PSOE nin de Unidas Podemos, será única e exclusivamente das distintas familias do galeguismo político –tan nacionalistas unhas como as outras– por non seren capaces de definir, non o que cómpre facer senón aquilo ao que debemos renunciar, porque todos están preocupados por presumir de pedigree ou, o que é máis triste, por garantir as prebendas arrapañadas.

Ah! Mercé á parvidade que profesa o galeguismo político, tan presto a facer favores, sempre e cando os beneficiarios non sexan da familia, tal como van as cousas e tal como acordaron os que mandan, malia confundir as eleccións co xogo do bingo, todo parece indicar que o meu tío Lisardo fixo ben ao apartar a cota, para pagarlle a escote o gran banquete da nova maioría absoluta que vai chapar Feijoo, novamente.