Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN PARA QUE SE REALICE UNHA AUDITORÍA DA SEGURIDADE NO PARQUE INFANTIL DA ALAMEDA en base á seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Foron moitos os meses que a cidadanía do Carballiño tivo que agardar para ver finalizada a obra dunha infraestrutura esencial no día a día de moitas familias como é a do Parque Infantil da Alameda.
Atrás queda o despropósito do incomprensible e nunca explicado con veracidade tempo de atraso na súa execución; as promesas incumpridas por parte do goberno en canto a prazos e a máis que dúbidosa inversión de 170.000 € en dito proxecto.
Atrás quedan tamén a chapuza das pirámides e o verán perdido por usuarios e comerciantes que sufriron as consecuencias do oportunismo electoralista do partido no poder.
Dende a súa inauguración e a pesares dos rigores climatolóxicos do inverno galego, podemos comprobar que practicamente sempre hai nenos e nenas xogando nesta área de lecer, case a única destas características no centro da vila e, polo tanto, un dos poucos recursos dispoñibles para o esparcemento dos máis cativos.
Esto dá conta, aínda máis, da relevancia da Alameda e ao mesmo tempo tamén trouxo consigo as primeiras queixas por deficiencias estruturais e perigos diversos que, se ben poden ser comprensibles xusto despois dunha obra deste tipo, non se entende que, a pesares dos avisos, irrresponsablemente o Concello do Carballiño faga ouvidos xordos ante as queixas máis que habituais recibidas por tódalas canles.
Dende o noso Grupo Municipal coidamos que sería fundamental revisar concienzudamente todas estas problemáticas antes de que chegue o bo tempo e a masificación dos columpios leve a un previsible incremento dos incidentes e obrigue a ter que tomar medidas cando sexa moito máis complexo ou incluso a ter que privar, de novo por outra pésima decisión política, do seu disfrute á veciñanza.
Visto todo o anteriormente comentado,
SOLICITAMOS
- Que se realice por parte do Concello do Carballiño unha auditoría de seguridade no Parque Infantil da Alameda.
- Que en función dos resultados desta se fagan, con urxencia, as melloras necesarias para garantir un parque seguro para tódalas moitas familias que fan uso do mesmo.
