A Deputación aproba o desenvolvemento dos programas sociais BenOurense cun orzamento de 1,4 millóns de euros

Os servizos de Axuda no Fogar Básico (SAF), persoal técnico, Puntos de Atención á primeira Infancia (PAI) e servizos complementarios permitirán reforzar a atención social nos concellos de menos de 20.000 habitantes 

A corporación provincial ratificou o convenio de colaboración para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) no período 2022-2024, no que participan a Deputación, a Xunta de Galicia e a Fegamp para prestar servizos de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais 

AVANTAR ACTIVIDADES

O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de xaneiro, aprobou hoxe as bases dos programas BenOurense para os servizos de Axuda no Fogar Básico (SAF), persoal técnico, Puntos de Atención á primeira Infancia (PAI) e servizos complementarios, que cun orzamento total de 1,4 millóns de euros permitirán reforzar a atención social nos concellos de menos de 20.000 habitantes. 

O Programa BenOurense SAF básico, con 900.489 euros, regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades locais da provincia de menos de 20.000 habitantes -91 dos 92 concellos- que presten o servizo de atención no fogar, incluíndo tamén as mancomunidades intermunicipais. Polo que respecta ao programa BenOurense Persoal Técnico, dotado con 299.511 euros, o seu obxectivo é financiar a incorporación aos equipos municipais de servizos sociais comunitarios de persoal con perfís profesionais diferentes e complementarios ao do traballador social. 

Para o programa BenOurense Infancia-PAI destínanse 105.000 euros para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades locais para o mantemento dos Puntos de Atención á primeira Infancia, que se atopan en concellos de menos de 5.000 habitantes e cuxa finalidade é prestar apoio aos pais, nais, titores e gardadores de menores de entre 3 meses e 3 anos. Por último, o programa BenOurense de servizos complementarios de atención á infancia, tamén dotado con 105.000 euros, ten como obxectivo a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o mantemento destes servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes. 

Na primeira sesión do ano, a corporación provincial tamén ratificou o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Deputación de Ourense en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) no período 2022-2024. 

O convenio establece que a provincia de Ourense terá 12 sedes permanentes para a cobertura de 12 zonas de actuación a través de 11 GES (O Barco de Valdeorras; Castro Caldelas e Trives; Pereiro de Aguiar; Lobios; Muíños; A Gudiña; Laza; Ribadavia; Avión; Maceda; e A Veiga) e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova. 

Cada un dos GES terá 12 membros, nunha estrutura profesionalizada que facilitará a cobertura permanente do servizo. Neste sentido, os grupos beneficiados polo incremento de persoal son Avión, que gaña 3 profesionais; Ribadavia (2); Laza (6); Muíños (3); e Lobios (2). O documento recolle tamén a mellora nas condicións salariais dos traballadores destes servizos e do financiamento do servizo supramunicipal de Terras de Celanova, que consolidan ademais un servizo de emerxencias profesional, dotado de persoal axeitadamente formado e cualificado. 

O custo anual do servizo será de preto de 3,8 millóns de euros, dos que máis de 313.000 euros corresponden a cada un dos GES e 320.000 ao servizo de Terras de Celanova. Segundo o convenio, a Xunta de Galicia achegará o 52,5 %, a Deputación de Ourense do 40 % e os concellos do 7,5 %. A contribución da Deputación de Ourense será de máis de 1,5 millóns de euros anuais, cantidade á que haberá que sumar a achega das entidades locais (288.000 euros) pois a institución provincial asume a parte correspondente aos concellos para o financiamento dos GES. 

Financiamento local 

O pleno aprobou ademais unha moción a prol da corrección da deficiente financiación dos concellos galegos e singularmente os da provincia de Ourense, instando ao Parlamento de Galicia a elaborar unha lei, consensuada coa FEGAMP, para regular a participación nos ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos galegos. 

No acordo tamén se solicita á Xunta de Galicia un plan para os concellos que integre no Fondo de Cooperación Local todas as axudas e subvencións anuais destinadas ás entidades locais;  crear un fondo anual de infraestruturas;  e establecer medidas de reparto equilibrado das dotación anuais recibidas por cada unha delas. 

Tamén se esixe ao Parlamento español a reformulación dos criterios de distribución dos fondos destinados ás entidades locais, establecendo unha fórmula que favoreza á poboación dos municipios con menor número de habitantes e criterios de distribución que teñan en conta a dispersión da poboación. Engade o acordo instar ao goberno do Estado a que os concellos de menos de 50.000 habitantes teñan acceso directo cun orzamento mínimo aos fondos Next Generation. 

No pleno celebrado hoxe, no que a Deputación de Ourense incorporou o novo servizo de intérprete de lingua de signos para as transmisións por internet, tomou posesión do seu escano o deputado do grupo Democracia Ourensana Gonzálo Pérez Jácome.