Convocatoria da VII edición do Premio “Estatuto de Autonomía de Galicia”

Aprobada a convocatoria da VII edición do Premio “Estatuto de Autonomía de Galicia” de debuxo e redacción escolar

Publicidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras e a convocatoria da VII edición do Premio “Estatuto de Autonomía de Galicia” de debuxo e redacción escolar. Con este certame, a Deputación de Ourense pretende conmemorar a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e contribuír á difusión e coñecemento do seu contigo e significado entre a poboación escolar.

O lema desta sétima edición do concurso é “A defensa da identidade de Galicia: a Xeración Nós”. Poderán participar no certame os estudantes dos niveis educativos de infantil, primaria, educación especial e ensino secundario obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional, de centros de ensino xeral tanto públicos coma concertados ou privados, da provincia de Ourense. O alumnado dos niveis educativos citados realizarán os seus traballos de xeito individual. O prazo para presentar os traballos rematará o día 16 de marzo de 2020 ás 14.00 horas.

As modalidades do concurso son dúas: para o alumnado de educación infantil e primaria, así como os de educación especial, deberán presentarse cun debuxo ou traballo artístico que deberá facer referencia ao lema do concurso. Este será presentado nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, non terá relevos e a técnica a empregar será libre.

Mentres que, o alumnado de ensino obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional, deberán presentarse na modalidade de redacción sobre o Estatuto de Autonomía, cunha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, a man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo. Se o traballo se fai en ordenador, o tipo e tamaño de letra será Arial 12. O traballo literario poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etcétera. Os traballos poderán presentarse en papel ou en soporte electrónico cunha tecnoloxía que permita a súa visualización nun entorno Windows. O autor poderá entregar un CD/DVD coas aplicacións reinstaladas que permitan a visualización sen ningún tipo de instalación en disco.

O xurado do certame estará integrado polo presidente da Deputación de Ourense, en calidade de presidente; polo deputado da área de Cultura en calidade de vicepresidente; e como vogais estarán un representante de cada un dos grupos políticos con representación no Pleno da Deputación, actuando como secretario do xurado o asesor de Cultura da Deputación. Os titulares poderán delegar as súas funcións nas persoas que estimen oportunas. O ditame do xurado farase público o día 30 de marzo e para cualificar os traballos terán en conta os seguintes criterios: que o traballo se axuste ao tema do concurso, a corrección ortográfica, a limpeza e coidado na presentación e a orixinalidade e creatividade do traballo.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo recibirán un diploma e un lote de libros e na modalidade de redacción ademais do diploma e do lote de libros, serán premiados cunha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia e realizar algunha outra actividade cultural. A entrega de premios terá lugar o día 6 de abril de 2020.

EmprendOU

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou sete novas iniciativas presentadas ao proxecto EmprendOU, a través do cal a Deputación de Ourense concede unha axuda a aquelas persoas físicas que leven a cabo proxectos empresariais e/ou de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico da provincia de Ourense. Polo tanto, na reunión aprobouse unha axuda de 8.100 euros (675 euros ao mes) para cada unha das sete iniciativas empresarias aprobadas.

Cooperación

Na reunión tamén se aprobou inicialmente o proxecto de expropiación relativo á obra de “ampliación, pavimentación e humanización da rúa Casanova, no municipio de Leiro. Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 216.000 euros para o Club Ourense SAD para o fomento do deporte, colaborando cos gastos de funcionamento e mantemento do club da tempada 2019-2020. Por último, aprobou unha axuda de 12.523 euros para o Concello de Sandiás destinada á substitución de cadros xerais de B.T. e das C.P.M. dos alumeados públicos das poboacións de O Tesiño, Lavandeira, Corga, Ladeira e Fontela.