Política Lingüística incrementa as axudas a proxectos de fomento do galego en centros educativos públicos

As convocatorias de subvencións tanto para colexios e institutos públicos como para colexios privados están abertas ata o 2 de marzo

Política Lingüística incrementa as axudas a proxectos de fomento do galego en centros educativos públicosEscoitar

AVANTAR ACTIVIDADES

As convocatorias de subvencións tanto para colexios e institutos públicos como para colexios privados están abertas ata o 2 de marzo

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten aberta a convocatoria de axudas para o fomento da lingua galega no ensino, tanto para centros de titularidade privada como para centros de titularidade pública, que verán incrementada en 50.000 euros a contía destinada a este fin.

En total, Política Lingüística dedicará 373.833 euros a apoiar os proxectos de promoción do galego para o curso 2019/2020 dos equipos de dinamización da lingua galega do ensino preuniversitario, así como os do profesorado responsable da promoción do galego naqueles centros que contan con menos de 6 unidades.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou a ORDE do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria destas axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 e mais a ORDE do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20.

Os textos completos das convocatorias tamén están dispoñibles no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes están abertos ata o día 2 de marzo de 2020.

Valoración dos proxectos

Os equipos ou profesorado responsable da dinamización da lingua galega nos centros educativos que desexen optar a estas axudas deberán presentar un proxecto e actuación de cuxa valoración dependerá fundamentalmente a contía que obterán para desenvolvelo, aínda que tamén se terá en conta o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto. A cantidade máxima que poderá percibir un centro será de 800 euros no caso dun colexio privado e de 1000 no caso dun centro público, 200 máis ca o curso pasado.

Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación dos diferentes membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal de administración e servizos), na utilización das TIC, na colaboración con outros centros de ensinanza e mais con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto, na realización de actividades plurianuais ou na variedade das actividades propostas.