O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde en Ourense nun encontro con empresarios e emprendedores no que se avaliaron os diferentes programas de apoio que están nestes momentos abertos á presentación de solicitudes, en eidos como o financiamento, o impulso á contratación ou a internacionalización.
Na súa intervención, Conde destacou que as pemes son a columna vertebral da economía galega e que é indispensable contar co talento mozo como dinamizador e como factor de diferenciación da marca Galicia Calidade. “Os empresarios máis xoves están impulsando o ecosistema de innovación e emprendemento e estannos permitindo dar resposta aos retos da dixitalización e da nova economía”, asegurou e subliñou que é necesario garantir o seu acceso ao tecido empresarial para complementalo e reforzalo. Neste sentido, puxo en valor a capacidade dos mozos e mozas galegos emprendedores para impulsar novos proxectos xeradores de emprego.
Neste sentido, a Xunta vén de poñer en marcha o programa Talento Novo, un paquete de medidas para menores de 30 anos coas que se pretende apoiar a 5500 mozos e mozas galegas no seu acceso ao mercado laboral, pero tamén na mellora da súa cualificación e aptitudes á hora de atopar emprego.