A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, visitou hoxe as casas niño de Trasmiras e Os Blancos, onde lembrou que continúa aberta a convocatoria de axudas para a posta en marcha dunha casa niño nos 23 concellos que non teñen ningunha opción para conciliar.
Durante a súa visita, Amparo González informou de que o pasado 18 de febreiro o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a nova convocatoria para a creación dunha casa niño. Polo tanto, as persoas interesadas en desenvolver esta iniciativa teñen ata o 19 deste mes para presentar a súa solicitude.
A directora xeral de Familia explicou que, tal e como informa o DOG, a orde procura a creación de 115 novas prazas de casas niño, pequenos centros en concellos sen ningunha outra opción de conciliación. Ademais, subliñou a calidade da atención que presta e que permite que as nais e pais destes municipios poidan compaxinar máis facilmente a súa vida laboral e familiar.