Espazo Común considera que os Orzamentos son nocivos para Carballiño

NOTA de ESPAZO COMÚN

As contas que pretende aprobar o goberno socialista son un reflexo da desnortada política que está a padecer a nosa vila onde se priorizan as tapas e os cantos de taberna por riba das necesidades dos cidadáns. Pan e circo.

Publicidade

O vindeiro martes día 10 ás 10 da mañá terá lugar no salón de plenos do Concello do Carballiño a que sempre é unha das sesión plenarias máis importantes do ano, a da aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2020.

Uns orzamentos, son, sen dúbida, o documento fundamental para poder analizar cara a onde van a dirixirse as prioridades das políticas a aplicar polo grupo de goberno municipal socialista e o que resulta desta análise non pode ser máis desolador.

As contas propostas, segundo poidemos comprobar dende o Grupo Municipal de Espazo Común, son de todo punto inaceptables e denotan un evidente e preocupante alonxamento da realidade e  das necesidades da veciñanza por parte dun alcalde e un goberno que basean todo o seu proxecto de futuro para o pobo na improvisación, as tapas e os cantos de taberna.

As partidas están totalmente desequilibradas e  a merma nos ingresos causada polas decisións electoralistas do alcalde, afectan agora de xeito significativo aos servizos que a cidadanía vai recibir.

A suba dun 13.66 % do capítulo correspondente ao persoal que pasa a supor 4.128.477,94 €, un 44 % do gasto total do Concello e o desplome das inversións que baixan de 571.627,23 € a 285.518,19 €, é dicir, máis da metade dos recursos para obras, arranxos e novas infraestruturas, que desparecen dos orzamentos cos que este goberno pretende castigar á veciñanza, son eixes máis que suficientes para rexeitar de xeito firme esta aberrante proposta.

Preguntámonos onde quedan logo as inversións prometidas para a dinamización do Parque Etnográfico, a Casa da Xuventude, o arranxo da rúa Ourense, a ampliación do Parque Empresarial, as melloras tan necesarias nas nosas parroquias ou tantos outros compromisos adquiridos.

Sen embargo, a partida que segue o seu ascenso é a relacionada con festas, festexos e espectáculos que se dispara ata os 230.000 €, cifra que, incriblemente, se achega á que pensa gastar nas necesidades reais da veciñanza este goberno durante o exercizo 2020 e que os converte nuns claros expoñentes daquela máxima de pan e circo.

Mantense tamén nos orzamentos a lotería das subvencións a dedo que aínda repuntan ata os 275.500 €, sendo tan só 10.000 € menos do que se pretende adicar a inversións, con incongruencias de díficil explicación coma que as políticas sociais dun goberno supostamente socialista queden na práctica anuladas en beneficio dos festexos ou que o rural sexa completamente esquecido.

Ante tal despropósito, Espazo Común demandará no pleno do martes, a retirada deste insulto a O Carballiño e que se comece a traballar nunha nova proposta equilibrada e seria que pense a futuro e non só en verbenas e amiguismos.