O Concello de Allariz négase a negociar cos Sindicatos

O CONCELLO DE ALLARIZ NÉGASE A NEGOCIAR COS SINDICATOS

Publicidade

Dende a CIG levamos anos esixindo ó Concello de Allariz a negociación dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) tal e como marca a normativa vixente e ano tras ano o Concello ven dando mostras de que non hai mellor cousa que criticar a uns para facer o mesmo cando se ten a oportunidade.

Non foi ata este ano, que advertimos de que nos obrigarían a impugnar os orzamentos do Concello se non se convocaba a mesa xeral de negociación para abordar a elaboración da RPT de xeito urxente, cando semellou que tiñan unha intención real de negociar.

Pero esa boa fé negociadora que os sindicatos puxemos porriba da mesa non se ve correspondida cos feitos por parte do Concello xa que non facilitan a documentación precisa, ocultan información e néganse a facilitarnos datos como son os relativos aos salarios e categorías profesionais do persoal do concello (cousa á que están obrigados). Que teñen que ocultar? Preguntámonos dende a CIG.

Aínda máis…negánse a convocar a mesa de negociación incumplindo todas as promesas feitas no seu momento, así como o calendario de negociación que a mesma alcaldesa propuxo.

Facía tempo que non víamos tan pouca seriedade nesta administración pública, pero parece ser que as prácticas habituais noutros lares pronto se copian.

Instamos ao CONCELLO de ALLARIZ a retomar a negociación da RPT, facilitando toda a documentación precisa, do contrario, a CIG, verase obrigada a impugnar os orzamentos do Concello por falta de negociación sendo conscientes de que non sería a primeira administración local da provincia de Ourense a que se lle anulan uns orzamentos por este motivo e que sería única e exclusivamente culpa da deixadez do equipo de goberno do Concello de Allariz.