Gonzalo caballero compromete un goberno progresista de cooperación cos concellos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento hoxe a “pasar páxina da política da tensión e da confrontación de Feijóo para abrir unha nova páxina de futuro coa política de cooperación e colaboración” que representan os socialistas galegos. Así o dixo nun encontro con alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra, hoxe en Redondela.

O líder dos socialistas galegos apuntou que “necesitamos un goberno progresista á fronte da Xunta de Galicia para que os concellos teñan un aliado para traballar a favor dos veciños e das veciñas”. Apostou por “mudar a política de confrontación de Feijóo, a súa ineficiencia para cumprir cos deberes e competencias da Xunta, a falla de sensibilidade social e nula capacidade de diálogo”.

Ofreceu un proxecto de goberno baseado no “diálogo e cooperación” que abra a vía a “compartir competencias e dotar de fondos aos concellos daquelas competencias que asumen e que non teñen adecuadamente financiadas”. Presentou un “novo tempo político no país” que finalice cos últimos once anos de goberno nos que a Xunta derivou obrigas aos concellos sen ofrecer os fondos necesarios para exercelas.

Chamou a cambiar de cor á Xunta de Galicia e acadar un goberno socialista ao igual que en 3 das 4 deputacións provinciais e máis de 100 concellos en toda Galicia, co que hoxe “o 65 por cento da cidadanía de Pontevedra e o 55 por cento de toda Galicia teñen un alcalde socialista”.

Gonzalo Caballero inaugurou hoxe unha nova etapa na precampaña electoral co contactos cos principais alcaldes, alcaldesas e representantes municipais do PSdeG para poñer o acento no “xiro histórico” que poden supor as próximas eleccións autonómicas. Puxo como exemplo á Deputación de Pontevedra, que da man de Carmela Silva “acadou un novo escenario de apertura, renovación e rexeneración”.

Caballero comezou a súa xornada en Redondela, acompañado pola alcaldesa, Digna Rivas, que rematou cunha etapa de goberno do PP; e polo alcalde de Vigo e presidente da Femp, Abel Caballero, entre outros representantes municipais, como a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Tamén participou o secretario provincial do PSOE, David Regades.

Abel Caballero foi o encargado de presentar ao candidato socialista, a quen lle trasladou o “entusiasmo” diante dun proceso político que abre a oportunidade de “concatenar tódolos vectores na mesma dirección por primeira vez na historia”. Aludiu así á posibilidade de sumar unha Xunta gobernada polo PSdeG a un goberno socialista no Estado, na Deputación e nos principais concellos de Pontevedra.

O alcalde do esperpento e da indignidade

A continuación desprazouse a Ourense, onde chamou a “pasar páxina” á “rémora da historia”, en referencia a un goberno do PP “que só pode amosar como socios municipais” a Baltar como presidente da Deputación e ao rexedor de Ourense, que cualificou como “o alcalde do esperpento e da indignidade”.

Así o dixo aludindo á intervención do alcalde de Ourense nun pleno municipal, demostrando “un comportamento inadmisible no ámbito democrático”, e que contrasta cos “mellores alcaldes e alcaldesas de toda Galicia” dentro do PsdeG.

Gonzalo Caballero instou a Feijóo a reprobar as actitudes de Jácome e a dar instruccións ao grupo municipal do PP de Ourense para que retiren o seu apoio a este alcalde. Ademais, considerou que se Feijóo non garante a hixiene democrática en Ourense, debería intervir directamente Pablo Casado, toda vez que o alcalde posto polo PP “non está á altura da terceira cidade de Galicia”.

Dirixiuse a “todos aqueles cidadáns que confiaron no PSdeG” nas eleccións xerais e municipais de 2019 para sinalar que “teñen a oportunidade de volve construír unha Galicia de futuro e de progreso a carón dos alcaldes e alcaldesas socialistas”.

Coronavirus

O líder dos socialistas galegos ofreceu hoxe de novo “cooperación” coa Xunta de Galicia para “evitar os escenarios máis complexos” na crise do coronavirus pero reclamou “reciprocidade” ao presidente da Xunta para que “informe detalladamente” das decisións e de calquera escenario “sen caer no alarmismo”.

Gonzalo Caballero remitiulle ao presidente da Xunta unha carta para “reclamarlle altura de miras e interlocución directa cos principais partidos de Galicia, sinaladamente co PSdeG”. Así o dixo logo de que onte “tivéramos que enterarnos polos medios de comunicación de decisións da Xunta” e de que “abría un debate sobre a cita electoral” sen telo comunicado aos partidos políticos.

Os socialistas galegos, dixo, manteñen a “vía aberta a cooperar e garantir a saúde dos galegos e das galegas”, e adaptarán ás circunstancias a folla de traballo preelectoral, que ten obrigado a “reorientar a previsión de grandes actos”, incluíndo a presenza prevista do presidente do goberno en Galicia.