As facetas persoal e artística de Buciños, recollida nunha publicación

Presentación do libro dedicado a Buciños.- No centro cultural "Marcos Valcárcel" terá lugar a presentación do libro dedicado a Buciños dentro do programa "Diario de artista". O acto contará coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do presidente da Fundación Xoan Piñeiro, Xesús Vázquez; e do artista Manuel Buciños.
Presentación do libro dedicado a Buciños.- No centro cultural “Marcos Valcárcel” terá lugar a presentación do libro dedicado a Buciños dentro do programa “Diario de artista”. O acto contará coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do presidente da Fundación Xoan Piñeiro, Xesús Vázquez; e do artista Manuel Buciños.

O libro Diario de Artista. Buciños recolle as facetas persoal e artística de Buciños. A publicación forma parte do programa de actividades “Diario de artista”, unha iniciativa que xira ao redor da figura e da obra de Manuel Buciños, organizada pola Fundación “Xoán Piñeiro”, en colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

Publicidade

A presentación do libro tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o presidente da Fundación Xoan Piñeiro, Xesús Vázquez; o xornalista Camilo Franco; e o artista Manuel Buciños.

Trala exposición inaugurada no centro cultural “Marcos Valcárcel”, as actividades sobre Buciños continúan, nesta ocasión, coa presentación desta publicación que ten como protagonista ao escultor. Este libro é unha achega á vida mesma, unha escolla de lembranzas, cunha reportaxe fotográfica do artista e do taller. Obras, monumentos, espazos, ambientes, unha relación documental, todo arredor das palabras do escultor nunha longa entrevista de Camilo Franco.

Rosendo Fernández explicou que esta obra vén a completar as actividades organizadas sobre Buciños que teñen como obxectivo “recoñecer ao e ao seu labor na plástica contemporánea”. Neste sentido, Aurelio Gómez Vilar salientou “a satisfacción” que supón ter no centro cultural “unha magnífica mostra onde podemos ver parte da vida artística de Manuel, así como de ter un libro que conserva a memoria real dos feitos e das persoas”.

Pola súa parte, Camilo Franco explicou que esta publicación é “a aproximación que fai a Fundación a Buciños, unha aproximación que ten que ver coa obra e coa personalidade”. O libro ten a intención de ser un “libro obxecto”, sinalou Camilo Franco, quen afirmou que esta publicación quere amosar á xente que se trata “dunha peza coidada e feita a medida do contido que ten, e o contido que ten é Buciños”. Así mesmo, o xornalista explicou que o libro ten un deseño de Pepe Barro “que se sae do normal, porque quere ser o libro que represente a Buciños, que cando a xente o abra vexa quen é o escultor no artístico, no humano, no sentimental e no irónico, porque todas esas partes están representadas a través dos textos, das reportaxes fotográficas e da maneira que cada unha desas cousas están colocadas nesta publicación”.

“Diario de artista” é unha iniciativa que pretende ofrecer unha visión de conxunto dos escultores, na que se combine o repaso ás súas traxectorias co seus puntos de vista e as propias opinións dos artistas. Esta primeira edición está dedicada a Buciños quen será Fillo Adoptivo da provincia de Ourense, tal e como anunciou recentemente o presidente da Deputación de Ourense.

A terceira actividade que completaría este proxecto cultural “Diario de Artista” sobre Buciños é un faladoiro que se ía a celebrar mañá no Teatro Principal, pero dada a situación actual, Xesús Vázquez dixo que esta actividade se apraza.