A Xunta garante a seguridade e control sanitario nas novas residencias de maiores

A Xunta de Galicia garante os controis sanitarios e a seguridade nas dúas residencias integradas que o Goberno galego habilitou para a atención das persoas maiores usuarias de residencias que dean positivo por coronavirus e precisen máis asistencia sanitaria ca a que reciben no seu centro inicial. Estas instalacións serán obxecto dos controis e das medidas de seguridade máis estritos esixidos nos protocolos sanitarios e serán desinfectados frecuentemente.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os primeiros usuarios chegaron este martes á residencia Os Milagros, titularidade da Fundación San Rosendo, no concello ourensán  de Baños de Molgas. Este centro, cunha capacidade de 93 prazas, acolleu aos seus primeiros usuarios: aos 11 maiores positivos en coronavirus procedentes da residencia San Carlos de Celanova. Así mesmo, a residencia Porta do Camiño, de Santiago, trasladou a todos os seus usuarios ao Hotel Congreso, no concello de Teo. A partir de hoxe esta residencia, de 84 prazas, poderá recibir a aquelas persoas maiores con coronavirus usuarios de centros das provincias de Lugo e A Coruña. 

Estas residencias integradas ofrecen atención sociosanitaria para as persoas que residen en centros de maiores nos que haxa casos de coronavirus. O persoal destes centros terán un contacto mínimo co exterior, de feito no de Baños de Molgas hospedaranse nun establecemento contiguo á residencia para reducir o risco de contaxio. Polo tanto, o Goberno galego quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza dos municipios onde están localizados. Os dous centros contarán cun control sanitario intensivo e os pacientes serán trasladados ao hospital sempre que o requiran.

Así mesmo, a Xunta agradece aos profesionais sanitarios e de coidados que traballan na primeira residencia integrada desde a súa posta en marcha e solicita colaboración das traballadoras e traballadores deste ámbito para garantir a mellor atención ás persoas maiores.