A Xunta propón actividades de lecer cultural en internet

A Xunta de Galicia, a través dos seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón durante este período de confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer cultural en internet. Trátase de propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións da provincia de Ourense. Trátase dunha etiqueta á que o Goberno autonómico convida a sumarse ás institucións culturais do país, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.
Así, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense ofrece a posibilidade de visitar de xeito telemático a exposición O Padre Feijóo. A traza galega dun ilustrado universal, que contén exemplares de antigas edicións do Teatro Crítico Universal, exemplo de pensamento crítico moderno e iniciador da Ilustración española. Así mesmo, este Arquivo permite visitar virtualmente a exposición O legado de Asís. Clarisas e franciscanos en Ourense.
Ademais destas propostas, as persoas interesadas poden acceder á serie de curtametraxes das Viaxe do Capitán Gardador: Unha sombra a través do tempo, O Padre Feijóo e O fénix da memoria. Tamén poderán ler a revista Fronda, accesible na páxina web do arquivo.
Do Arqueolóxico a Ribadavia
Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.
Deste xeito, o Museo Arqueolóxico de Ourense permite percorrer de xeito virtual as súas instalacións. Ademais, pode consultarse a Escolma de escultura na sala de San Francisco, que ofrece un percorrido cronolóxico a través dos fondos máis representativos do museo en diversos materiais desde a Prehistoria ata a Idade Moderna, cunha iniciativa tan interesante como é a da Peza destacada. Igualmente, pon á disposición dos usuarios a recreación de como tería sido a evolución histórica do propio edificio do museo, reconstrucións en 3D de vivendas do conxunto arqueolóxico de Santomé e diverso material audiovisual da trébede, da etapa castrexa e da etapa baixoimperial.
Así mesmo, un vídeo amosa a exposición Alicerces: evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX, así como as mostras de Marcelo Macías. A cruz de Montealegre, Marcelo Macías. 175 aniversario e Voando ao pasado. Pioneiros do aire en Galicia.
Pola súa banda, a Museo Etnolóxico de Ribadavia pon á disposición as súas pezas destacadas, procedentes na súa maioría do contexto rural e urbano anteriores á introdución dos medios de produción industrial, ademais dunha visita virtual. Do mesmo xeito, o Museo do Viño de Galicia permite visualizar as súas pezas que foron determinantes no cultivo da vide e no proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia, así como realizar a correspondente visita virtual.
Ademais destes museos, a Catedral de Ourense tamén ofrece diversos recursos audiovisuais a través da web de Turismo de Galicia para coñecer este templo sen necesidade de desprazarse ata el. E poden visitarse outros magníficos conxuntos monumentais como o Mosteiro de Santa María de Oseira, o Claustro de San Francisco ou Santa María de Montederramo.
Máis de 4.500 títulos dispoñibles A Biblioteca Pública de Ourense tamén está a participar na campaña #aculturasegue a través das súas redes sociais cunha ampla actividade.
As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continúan a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico. A través deste sistema pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.
En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.
Estrea da Bibliografía Xacobea Como novidade para todas as persoas de Lugo curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Medrar en galego
Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos. Así mesmo, dispón de audiovisuais e recursos que se poden empregar para un mellor coñecemento, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.

AVANTAR ACTIVIDADES

A iniciativa #aculturasegue pretende recoñecer, no medio desta difícil situación, o papel sobresaínte que os nosos creadores, axentes e dotacións culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar, que propicien a consolidación de bos hábitos e prácticas culturais.