Manuel Baltar informou das iniciativas aprobadas polo Comité de Seguimiento do Coronavirus; da potenciación da teleasistencia, e da estratexia de colaboración coa Xunta, referida á compra de material sanitario, sendo a única deputación de Galicia en destinar un orzamento a este ámbito
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe a primeira Xunta de Goberno telemática na historia da institución provincial. As medidas que está a implementar a Deputación para facer fronte á crise do coronavirus (Covid-19) centraron o encontro virtual entre o máximo responsable do ente provincial e os deputados que integran o grupo de goberno.
Manuel Baltar informou das iniciativas aprobadas polo Comité de Seguimiento do Coronavirus; da potenciación da teleasistencia, e da estratexia de colaboración coa Xunta de Galicia, en concreto no que atinxe á compra de material sanitario, sendo a única deputación de Galicia en destinar un orzamento a este ámbito. Neste sentido, o presidente comentou a compra realizada pola Deputación de 36.000 máscaras e 43.000 pares de luvas, xunto con 500 litros de xel desinfectante, que serán repartidos entre concellos e entidades da provincia de Ourense, unha medida validada polo Comité de Seguimiento do Coronavirus da Deputación, e que forma parte da estratexia de colaboración coa Xunta de Galicia. Unha petición de axuda que foi formulada polo Posto de Mando Avanzando (PMA) en Ourense.
O presidente Baltar tamén informou das medidas que se están levando a cabo para potenciar o teletraballo entre os empregados da Deputación e das iniciativas adoitadas para potenciar a teleasistencia, como a que vén de desenvolver a Área de Benestar: a implantación do servizo de “Teleasistencia 900” para facilitar o acceso preferente de persoas maiores que vivan soas a un servizo restrinxido de teleasistencia que observe todas as medidas de protección e seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias.
Tamén se comentou a posta en marcha, días pasados, do “Comité do Día Despois”, unha iniciativa de Manuel Baltar que ten como obxectivo planificar a saída económica da crise do coronavirus inmediatamente despois de que se levante o estado de alarma. Con esta finalidade, Baltar mantivo días atrás un encontro telemático con representantes dos ámbitos institucional, empresarial e económico da provincia de Ourense para poñer en común medidas que se activarán desde o minuto un do retorno á normalidade social, para poder favorecer entre todos e por medio dun traballo conxunto e coordinado o relanzamento económico, algo que o presidente Baltar propón realizar da man dos autónomos, empresarios e do tecido produtivo da provincia de Ourense.
Ademais de temas referidos ao deporte, infraestruturas e servizos, a Xunta de Goberno aprobou a resolución do concurso público de subvencións para proxectos empresariais e de autoemprego en concellos rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOU, e aprobou a subvención a favor do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para gastos de funcionamento da entidade, correspondentes ao ano 2019.