O concello de Ribadavia implementa medidas de apoio aos escolares

O CONCELLO DE RIBADAVIA IMPLEMENTA MEDIDAS DE APOIO AOS ESCOLARES DURANTE O CONFINAMENTO.

Publicidade
  • En colaboración co CEIP Plurilingüe de Ribadavia, o concello repartirá lotes con libros e material escolar ao alumnado do centro para que poidan facer as súas tarefas e continuar co desnvolvemento da actividade didáctica en tempo de confinamento.
  • O concello tamén pon a disposición dos estudantes un servizo de impresión de apuntamentos con entrega no domicilio para que poidan avanzar nos seus estudos nesta época de confinamento

O Concello de Ribadavia ven de poñer en marcha diferentes medidas de apoio aos estudantes para que poidan continuar avanzando nos seus estudos e nas súas tarefas nesta época de confinamento. Dentro das accións que desenvolve o concello, en primeiro lugar, e grazas á colaboración co CEIP Plurilingüe de Ribadavia, o concello iniciou o reparto de lotes con libros e material escolar do alumnado deste centro para que poidan continuar co desenvolvemento da actividade educativa no que resta de período de confinamento nos domicilios. A previsión é de entregar entre 150 e 200 lotes de material que a dirección do centro preparou para cada un dos alumnos en función das súas necesidades educativas.

Por outra banda, o Concello de Ribadavia tamén pon en marcha un servizo de impresión de apuntamentos e fichas para estudantes, con entrega a domicilio dese material, un servizo do que se poden beneficiar non só estudantes dos ensinos infantil e primario, se non tamén estudantes de secundaria, bacharelato e ensino universitario que residan no concello de Ribadavia. Para poder recibir a prestación deste servizo basta con remitir un correo electrónnico ao enderezo casacultura@ribadavia.es adxuntando os arquivos a imprimir, indicando que é o que se necesita e proporcionando o enderezo ao que hai que levar o material.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández sinalou que “Poñemos en marcha estas medidas porque somos conscinetes de que pode haber moitos estudantes que, por diferentes razóns, non teñan posibilidade neste tempo de imprimir apuntamentos e, no caso dos mais pequenos, poder ir a buscar o material escolar que lles permita avanzar nos seus estudos. Para o goberno municipal todo o que ten que ver coa educación da mocidade de Ribadavia é algo fundamental, por eso entendemos que debemos esforzarnos dende o concello para poñer a disposición do estudantado todos os nosos recursos para axudarlles nestes momentos de confinamento.“