Espazo Común solicita a ampliación do prazo de pagamentos de impostos

ESPAZO COMÚN SOLICITA A AMPLIACIÓN DO PRAZO DE PAGAMENTO DE TÓDOLOS IMPOSTOS MUNICIPAIS DO CARBALLIÑO ATA DECEMBRO

A publicación no día de hoxe no BOP dun Decreto do alcalde Fumega urxindo o pagamento do Imposto de Vehículos antes do 30 deste mes, denota moi pouca sensibilidade coa veciñanza no contexto actual.

AVANTAR ACTIVIDADES

A meirande parte dos concellos xa tomaron medidas neste senso pero o Concello do Carballiño semella ter outras prioridades. 

           

 Hoxe luns, aparece publicado no BOP (Boletín Oficial da Provincia) un decreto asinado polo alcalde do Carballiño, señor Fumega, no que se incide na fin do prazo para o pagamento do IVTM, o imposto municipal de vehículos para o día 30 deste mes e urxe aos veciños a facer as xestións para asumilo.

Dá a sensación de que o goberno municipal aínda non comprendeu a gravidade da situación na que nos achamos e como a están a padecer moitas familias do noso pobo.

O grao de empatía e preocupación polos problemas dos cidadáns que amosa esta medida é absolutamente impresentable e denota un goberno alonxado da realidade social, moito máis preoucpado por circular nos seus coches particulares, para que os vexan, detrás do vehículo de desinfección ou da megafonía que  vai felicitando o cumpleanos aos nenos que de facer xestión e resolver os problemas do Carballiño.

Seguindo na liña de propor iniciativas que permitan un respiro e albiscar o futuro cun mínimo de tranquilidade aos carballiñeses, dende Espazo Común traballamos no PLAN O CARBALLIÑO CON-VIDA 20.

Dentro do mesmo, recollemos unha serie de medidas dentro do apartado MODIFICACIÓN DOS IMPOSTOS MUNICIPAIS que son as seguintes:

  1. MODIFICACIÓN IMPOSTOS MUNICIPAIS

 Dado que o contexto sobrevido é totalmente distinto ao existente cando se aprobaron as Ordenanzas Fiscais do Concello do Carballiño para o exercicio 2020, faise imprescindible unha modificación sustancial tanto do calendario tributario coma do seu contido para evitarlle á cidadanía ter que saír do confinamento para efectuar calquera xestión e dar facilidades tamén por este camiño ás familias que poidan sufrir con maior virulencia as consecuencias económicas da situación actual, por todo o antedito, as nosos propostas son :

  1. Ampliar ata o 1 de decembro de 2020 o prazo para o pagamento de tódalas taxas e impostos que non se vexan afectados polas medidas propostas nos seguintes puntos.
  • Devolución inmediata ou compromiso de compensación na matrícula do vindeiro curso aos que así o desexen da parte pagada proporcional ao tempo sen activade para o alumnado de tódalas Escolas Municipais (incluindo o Conservatorio) e de todas aquelas actividades nas cales o pagamento non sexa mensual.
  • Fraccionamento en 12 cotas sen intereses das taxas de matrícula de tódalas Escolas Municipais para o curso 20/21.
  • Devolución aos hostaleiros da parte proporcional ao tempo no que estean obrigados a manter pechados os seus establecementos da Taxa de ocupación de vía pública (terrazas).
  • Paralización inmediata de tódalas notificacións, requerimentos e calquera prazo administrativo en curso.
  • Suspensión inmediata dos prazos de presentación de recursos de reposición e reclamacións económicas administrativas namentres permaneza a situación actual.
  • Suspensión inmediata de tódolos plans de pago personalizados que poidese ter en marcha actualmente o Concello do Carballiño con empresas ou particulares.
  • Devolver ou descontar a parte proporcional ao período de paralización da súa actividade no imposto de IVTM (vehículos) para autónomos e empresas que acrediten que o mesmo é empregado para o seu uso profesional.
  • Desconto no recibo do segundo semestre da taxa de lixo polo importe proporcional a todo o tempo que estean obrigados a permanecer pechados para pequeno comercio, hostalería ou calquera empresa afectada.
  1.  Devolución da parte proporcional ao tempo sen posibilidade de exercer a súa actividade a feirantes e pulpeiros pola Taxa correspondente.
  1.  Anulación de tódolos recibos do servizo de Bo día, Familia durante o tempo que permaneza a actual situación de alarma ou calquera outra semellante.