O Fondo de cooperación local leva repartido en Ourense 6,5 millóns de Euros

A Xunta de Galicia vén de ingresar aos concellos da provincia de Ourense a partida do mes de marzo e a liquidación de 2018 do Fondo de Cooperación Local (FCL) para contribuír na dotación de liquidez ás facendas locais. Así, o Goberno galego no que vai de ano entregou máis de 6,5 millóns de euros aos  92 municipios ourensáns que poden destinar a loitar contra o coronavirus, xa que son fondos non finalistas que respectan a autonomía dos concellos.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou o esforzo que fixo o Executivo autonómico, na liña de apoio aos concellos, para ademais de facer efectivo o ingreso do mes de marzo, axilizar a liquidación correspondente a 2018 para que os gobernos locais poidan ter máis recursos económicos e así facer fronte á crise orixinada polo Covid-19. Marisol Díaz engadiu que “neste momento, máis que nunca, é necesario a colaboración institucional e cooperar coas administracións municipais”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na provincia ourensá a liquidación de 2018 do FCL, un remanente a maiores do que se lle pagou mensualmente ese ano, ascende a máis de 1,6 millóns de euros, que coincide coa cantidade que corresponde ao mes de marzo de 2020. 

En total no que vai de ano, ao abeiro do Fondo de Cooperación Local, aos concellos da  provincia de Ourense correspondéronlles máis de 6,5 millóns de euros. Estas achegas autonómicas repártense entre todos os concellos galegos seguindo uns criterios obxectivos pactados coa Federación Galega de Municipios e Provincias, entre eles o número de habitantes, persoas maiores de 65 anos, superficie da localidade e a cantidade de núcleos de poboación.

Así, o concello que máis diñeiro recibiu a cargo destas axudas é o da cidade das Burgas, concretamente 771.676 euros, seguido de Verín (179.752), O Carballiño (171.828), O Barco de Valdeorras (171.219), Xinzo de Limia (140.998), Allariz (115.288) e Celanova (112.288). 

Díaz Mouteira apuntou que os investimentos non están condicionados xa que se tratan de fondos non finalistas e respectan a autonomía municipal polo que os alcaldes poden destinar estas partidas a aquilo que consideren máis necesario e urxente.

Neste sentido, a delegada territorial subliñou que o Goberno galego decidiu priorizar o pagamento destas axudas “nun momento no que os concellos necesitan máis liquidez para poder asumir todos os gastos extraordinarios que implica a atención e a seguridade dos seus veciños pola crise do coronavirus”.