Comunicado dos tres partidos da oposición sobre a convocatoria do concello ó acto do 8M

Xa é ben sabido que o goberno do PSOE do Carballiño co seu alcalde á cabeza, é moi dado a pasar o rodete da súa maioría absoluta para impor o seu criterio sen apenas escoitar á oposición.

Aínda que, en non poucas ocasións, isto lles supuxera ter que recuar en decisións de calado coma por exemplo a suba de impostos que pretendían impor para este ano 2022.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta falla de sensibilidade e de capacidade de diálogo leva custado xa uns cantos esperpentos en sesións plenarias, obrigando a Fumega a retirar sobre a marcha puntos da orde do día unha e outra vez.

Lamentablemente, este desprezo pola oposición non se queda só neste tipo de cuestións xa que, rachando con tódalas pautas establecidas en democracia, teiman en tentar facernos de menos incluso nos actos institucionais.

Temos un bo exemplo nos da xornada de onte, 8 de marzo, polo Día Internacional da Muller. Unha data que só debera xerar consenso e na que se tiña que procurar a maior das participacións e que, sen embargo, un ano máis remata por provocar conflito por mor do xeito de ser xestionada.

Sen pretender ser moi escrupulosos co protocolo, non é de recibo que se avise aos concelleiros da oposición con ¡¡55 minutos de antelación!! a súa celebración por medio dunha mensaxe de whatsapp dunha funcionaria.

Os 8 concelleiros que conformamos os grupos de Partido Popular, Espazo Común e Bloque Nacionalista Galego representamos a máis de 3.500 veciños e veciñas do Carballiño que depositaron en nós a súa confianza nas eleccións e non podemos consentir estas recorrentes actitudes antidemocráticas que deslexitiman a vontade destes cidadáns e vulneran o espírito dunha democracia representativa, achegándonos máis a comportamentos ditatoriais.

Por todo o antedito, demandamos a Fumega e ao seu goberno unha rectificación inmediata e o cese deste tipo de comportamentos que só ensucian o bo nome do Concello do Carballiño.