Manuel Baltar defende o cambio de prioridades na xestión de goberno, “onde as obras terán que esperar, pero non as persoas”

Publicidade ASPADISI

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos parlamentarios populares ourensáns na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia –Miguel Santalices, José González, Cristina Romero, Marta Novoa e Moisés Blanco-, no marco dos encontros que está a manter  cos representantes do partido nas institucións públicas, reunións que tamén se extenderán en próximos días ao ámbito municipal.

Na xuntanza, Manuel Baltar puxo o énfase no cambio de prioridades que está a experimentar a xestión de goberno e que marcará os próximos meses, “e de seguro o vindeiro exercicio, onde as obras terán que esperar, pero non as persoas”, subliñando que as políticas a desenvolver deben ter como obxectivos fundamentais aos cidadáns, a atención social e o emprego.

Nesta liña, o presidente provincial repasou cos asistentes o conxunto de medidas adoptadas desde a Deputación de Ourense para facer fronte a crise do coronavirus, destacando o espírito de colaboración amosado desde o primeiro momento pola institución provincial co Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia en Ourense.

Publicidade Premer na Imaxe

Servizos sociais, cooperación, economía, turismo, cultura, deporte e sensibilización foron os ámbitos aos que se referiu Manuel Baltar, apuntando en cada un deles as accións realizadas desde o goberno provincial, entre elas as aprobadas hoxe mesmo pola Xunta de Goberno, como as bases reguladoras para os programas de Termalismo Solidario, o programa Benourense ComerciOU e o proxecto EmpredOU. Iniciativas, dixo, que estarán marcadas todas elas pola súa compatibilidade co resto das medidas que adopten as administracións autonómica e central.

O presidente provincial tamén destacou a oportunidade que ten Ourense “para formular propostas máis aló do seu territorio, grazas á presenza na xunta de goberno da FEMP, o que está a facilitar o contacto directo cos membros do Goberno central”, citando así a reunión mantida co presidente Pedro Sánchez. “Optimismo o xusto, cautelas as máximas e por riba de todo un exercicio de responsabilidade”, engadiu Baltar, antes de escoitar as intervencións dos representantes populares na Mesa Permanente do Parlamento galego.

Os presentes coincidiron en valorar moi positivamente as medidas adoptadas desde o minuto uno pola Deputación, sinalando de xeito especial o centro de apoio habilitado no Pazo dos Deportes para transportistas, membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, a gratuidade do aparcadoiro da Deputación no CHUO ou o programa de Termalismo Solidario, o que demostra, apuntaron, que non só se está a pensar nos cidadáns e nos concellos, senón tamén en todas aquelas persoas que desde o seu labor poñen en risco a súa saúde para proxeter e axudar a toda a poboación.

Ademais de poñer en valor a xestión que o Goberno galego está a facer desta crise, os representantes populares no Parlamento de Galicia fixeron diversas propostas nas que podería colaborar a Deputación nos ámbitos da atención ás familias e cidadáns con escasos recursos, en particular no referido á alimentación, políticas activas de comercio online e, ao marxe deste tipo de iniciativas, o apoio con xestos institucionais en recordo das vítimas desta pandemia, como tamén ven de facer desde o 27 de marzo a Deputación de Ourense colocando as bandeiras a media asta.