O Psedg impulsa un plan de choque contra as pintadas e o vandalismo e que se peonalice tramos da cidade os domingos

O PSdeG-PSOE de Ourense acadou o apoio unánime do pleno do Concello de Ourense para a aprobación da moción na que defendía a posta en marcha dun plan de choque para a limpeza de pintadas, eliminación da carteleira ilegal e a recuperación de espazos degradados. Na moción na que os socialistas pedían a peonalización e peche ao tráfico de vehículos privados a motor, os domingos e festivos, desde as 9:00 as 14:00 horas nalgunhas rúas da cidade, os socialistas contaron cos votos a favor de CS e non adscritos e os votos en contra de DO e PP.

No relativo a moción na que o PSdeG-PSOE de Ourense instaba ao goberno municipal a pór en marcha un plan de choque para a limpeza de pintadas, eliminación da carteleira ilegal e a recuperación de espazos degradados da cidade, os socialistas acadaron a unanimidade de todos os presentes. O grupo municipal socialista tamén reclamaba a creación dun programa específico para a limpeza de pintadas e a eliminación da carteleira ilegal, coordinado pola policía local e a Concellería de Limpeza, para a identificación de todas as pintadas non autorizadas e os seus autores, a apertura de expedientes e a adopción das medidas oportunas en base á normativa vixente.

AVANTAR ACTIVIDADES

A vicevoceira do grupo municipal socialista, Natalia González Beneitez, defendeu que “chegou o momento de actuar para rematar co feísmo urbano” e afirmou que a situación “é preocupante”, polo que pediu que “non só se actúe contra este vandalismo, senón que tamén se leve a cabo unha labor de concienciación para tratar de diminuír este mal endémico da nosa cidade”. A concelleira socialista avogou por un plan de choque para a limpeza das pintadas ilegais e sinalou que “moitas destas se atopan en lugares que son patrimonio de interese cultural”, tales como a Catedral, o arquivo provincial, a Ponte Romana e outros puntos que reciben a diario a numerosos visitantes.

González Beneitez recalcou que “é urxente que exista unha coordinación entre as diferentes concellerías e a policía local”, co obxectivo de “identificar a aqueles que cometen estes actos vandálicos, proceder a sancionalos e abrir expedientes”. A edil socialista tamén apostou porque se “habiliten lugares” para que os numerosos artistas urbanos da cidade “poidan traballar e expresar a súa creatividade” e avogou pola “creación dun inventario de espazos públicos onde os artistas poida expresar esta creatividade”. Os socialistas tamén reclamaron que se “promova unha campaña informativa e formativa entre a mocidade e se lles informe dos custes deste vandalismo e do dano que poden causar o turismo e a imaxe dunha cidade que é patrimonio de todos e todas os ourensáns e as ourensás”.

En relación a moción na que os socialistas instaban ao Concello a aprobar, “de xeito inicial e experimental”, a peonalización e peche ao tráfico de vehículos privados a motor, os domingos e festivos, desde as 9:00 as 14:00 horas, os socialistas propuxeron dúas posibles localizacións para realizar esta actuación, a primeira na rúa Progreso, entre o tramo comprendido entre as rotondas de Concepción Arenal e o cruce do Xardín do Posío con Marcelo Macías e unha segunda na Avenida Ribeira Sacra, no tramo entre as rotondas de Pablo Iglesias e a Ponte do Milenio.

O concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Xosé Rúas Araújo, destacou que esta peonalización, que nunha primeira fase “propoñemos de xeito experimental” permitirá que Ourense “siga o exemplo de grandes capitais mundiais e incluso de cidades como A Coruña ou Vigo, que contan con rúas peonís na fin de semana, tanto sábados pola tarde como os domingos”. O concelleiro socialista puxo como exemplos a peonalización da rúa San Andrés, na Coruña, máis 70 rúas na cidade de Vigo, o Paseo da Concha en Donostia, varios puntos do centro de Madrid, e incluso “cidades das máis poboadas do mundo en Latinoamérica”. O edil preguntouse que “se isto se pode facer en cidades moito máis poboadas que Ourense, porque non se fixo ata o de agora na nosa cidade?”.

Rúas Araújo remarcou que esta iniciativa pretende “buscar alternativas, rápidas e co menor custo posible para a humanización da cidade de Ourense, na que se contribúa a crear entornas e hábitos saudables entre a poboación”. Por este motivo avogou pola “peonalización” de rúas durante determinadas horas da fin de semana para “reservalas para a práctica deportiva, o paseo a pé ou en bicicleta, tanto individual como grupal ou familiar”. O concelleiro socialista esgrimiu que a diferencia doutras cidades como A Coruña, Vigo, Donostia ou Madrid, Ourense “aínda non conta con ningunha iniciativa neste senso a día de hoxe, pese a tratarse dunha capital que, desde logo, ofrece moitísimos menos problemas, en canto a tráfico e poboación, que calquera das restantes cidades galegas”.