Plácido Álvarez: “a fartura de mentiras dun odiador profesional como Villarino está a sobrepasar os límites do admisible”

Para o portavoz do grupo popular de goberno, dicir que os concellos da provincia gobernados polos socialistas non foron atendidos pola Deputación “é noxento e unha gravísima acusación en tanto dá a entender que non atendemos por igual a toda a veciñanza de Ourense, e iso non imos permitilo”, declarou con contundencia Álvarez, que lembrou que todas as iniciativas de apoio aos concellos teñen o seu correspondente protocolo de solicitude e a disposición de todos os alcaldes.

O vicepresidente terceiro da Deputación e portavoz do grupo provincial popular, Plácido Álvarez, denunciou hoxe “a fartura de mentiras dun odiador profesional como Rodríguez Villarino, que está a sobrepasar todos os límites do admisible en política”. Álvarez respondeu así ás últimas declaracións do portavoz socialista na Deputación, no Concello e secretario provincial dos socialistas, “nas que segue a verter, como fixo desde o minuto uno desta pandemia, falsas acusacións e sementando dúbidas sobre o traballlo que desenvolven a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia na loita contra o COVID-19”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O portavoz popular amosou a súa indignación ante a intolerable actitude do representante socialista, “vertendo mentira tras mentira como única alternativa ao traballo que están a facer un amplísimo equipo de profesionais da Deputación, que só merecen o meu máis absoluto respecto”.

Plácido Álvarez referiuse en concreto ás acusacións de recortes no servizo de recollida de lixo da Deputación, “que demostran a malicia deste persoeiro, que non político”. Así, afirmou, a xestión do lixo estivo activa ao 100 % desde a declaración de emerxencia, tanto como servizo esencial declarado polo Goberno central como por figurar no protocolo xeral de prevención fronte ao COVID-19 no sector público provincial, aprobado e actualizado constantemente por resolucións da Presidencia da Deputación.

Activo ao 100%, tanto en medio materiais como humanos, “coas dificultades engadidas polas medidas de seguridade, coa implicación de traballadores que renunciaron aos seus permisos de conciliación, e mesmo baixas por coronavirus, suplidas con empregados de competencia profesional axeitada, procedentes doutras áreas da Deputación”.

Tamén desminte o peche de puntos limpos. “Seguindo o decreto de alarma e o protocolo provincial, pechouse a atención directa ao público, “aínda que os cidadáns que entregan residuos deben depositalos nos accesos ao recinto, sendo recollidos e introducidos polos operarios”. Plácido Álvarez subliña ademais que estas instruccións “están redactadas coa previsión dunha posible desescalada, porque ata a data ningún veciño pode desprazarse ata un punto limpo por non ser unha actividade permitida”.

O portavoz dos populares na Deputación rexeitou ademais que se reducira a frecuencia na recollida de lixo. “Só se adaptou o servizo en resposta á demanda, reforzando rutas e reorganizando efectivos para dar unha atención que non rexistrou unha soa queixa por este motivo”. As cantidades de vidro recollidas, por exemplo, baixaron ata un 200 % nos concellos da contorna da capital, “algo absolutamente normal coa hostalería pechada”, e o papel e cartón subiu ata un 300 % na mesma área, “pero baixou considerablemente en zonas como Terras de Caldelas e de Trives, Valdeorras ou Conso-Frieiras”.

Álvarez abondou nas falsedades do portavoz da oposición socialista, desmentindo a falta de desinfección de contenedores, “un labor de competencia municipal que xa realizan e de xeito encomiable os concellos”. O que si se reforzou foi a limpeza dos contenedores, dos que a Deputación 18.000 unidades por toda a provincia, duplicando turnos, traballando festivos, subindo a media de limpeza dos 130 contenedores/día a 200.

Aínda aportou datos sobre o baldeo de rúas que realiza a Deputación e que como consecuencia desta pandemia transformouse en desinfección de espazos públicos atendendo ás peticións dos concellos”. Desde o día 18 de marzo leva atendidas as peticións de 11 concellos, como mínimo dúas veces ao mes, “e todo elo sen desatender a desinfección das 11 plantas de transferencia de residuos que xestiona a Deputación (das 13 que hay na provincia) e que dan servizo á meirande parte dos concellos”.

 “Nunca vira un desprezo tan descomunal ao esforzo, a dedicación e profesionalidade duns traballadores, e máis nestes momentos que arriscan a súa saúde todos os días para protexer á cidadanía”,  engadiu.

Dicir que os concellos da provincia gobernados polos socialistas non foron atendidos pola Deputación “é noxento e unha gravísima acusación en tanto dá a entender que non atendemos por igual a toda a veciñanza de Ourense, e iso non imos permitilo”, declarou con contundencia Plácido Álvarez, que lembrou que todas as iniciativas de apoio aos concellos teñen o seu correspondente protocolo de solicitude e a disposición de todos os alcaldes.

O portavoz dos populares confía en que no pleno extraordinario do mércores “toda a sociedade ourensá poda comprobar que fixo o goberno provincial desde a declaración do estado de emerxencia sanitaria en Galicia e a declaración de alarma no Estado, e a histeria electoralista que si demostra o PSOE, o único partido que teima con esta cuestión cando os intereses do goberno da Deputación e da Xunta só están ao prioritario: a saúde e a recuperación económica do día despois”.