Denuncia do Psdeg-Psoe por reparto ilegal en Melón por membros do PP

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O REPARTO CACIQUIL, CLIENTELAR E ILEGAL DE MATERIAL DE PROTECCIÓN PARA A COVID-19 EXECUTADO EN MELÓN POR MEMBROS DO PP

Os socialistas destacan que dous coñecidos militantes do PP de Melón, inhabilitados para exercer cargo público, entregaron 3.000 máscaras e pantallas á veciñanza a través de concelleiros do PP e afíns
“Con esta procesión caciquil para vender favores porta a porta, incumpriron flagrantemente a normativa imposta polo Real Decreto 463/2020 no referente á mobilidade e confinamento”, advirten

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o reparto clientelar e ilegal de material de protección individual para a COVID-19, executado no concello ourensán de Melón por parte de cargos públicos do PP, mediante unha “procesión caciquil para vender favores porta a porta polas vivendas do municipio”, no que “incumpriron flagrantemente” a normativa imposta polo Real Decreto 463/2020 no referente á mobilidade e confinamento.
Os socialistas destacan que dous coñecidos militantes do PP de Melón, inhabilitados para exercer cargo público, entregaron, ó longo dos últimos días, 3.000 máscaras e pantallas á veciñanza a través de concelleiros do Partido Popular e afíns “coma se fosen bolígrafos de campaña electoral”, no lugar de depositalos no Casa do Concello ou de achegalos ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para a súa distribución de acordo cos protocolos establecidos. “Esta procesión caciquil non é nova en Melón onde encadean alcaldes do PP condenados por corrupción pero, no actual contexto, esas prácticas supoñen tamén violar o confinamento para caciquear”, advirten.
Os socialistas reclaman ós populares que “dunha vez por todas deixen de lado estes comportamentos decimonónicos, discrecionais e propios de sultanatos” que “son impresentables sempre pero especialmente en plena emerxencia sanitaria”, para que “se sitúen, como o resto representantes políticos, na senda do respecto pola democracia, o cumprimento das leis vixentes e a ética”. “Melón non pode ser novamente a zona cero da corrupción do PP de Ourense co beneplácito de Baltar e Feijóo, ó aproveitar unha epidemia mundial para vender favores electorais e para insistir na política clientelar que xa ós levou a ser os campións mundiais de sentenzas por corruptelas municipais”, conclúen.