Hoxe foi rubricado o convenio de colaboración que posibilitará estas actuacións
Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará o 80% do investimento e o Concello o 20% restante

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, asinaron esta mañá un Convenio de colaboración que ten como obxecto determinar as condicións para o financiamento e execución das actuacións que se contemplan no “Proxecto mellora da rede de saneamento e pluviais en Maside (Ourense).
Problemática
Os temporais que se produciron no inverno de 2017-2018 provocaron no municipio de Maside fortes choivas en curtos períodos de tempo que causaron importantes desfeitas en gran parte dos servizos urbanos e máis concretamente nas redes que reciben augas pluviais. Este problema resultou máis importante na parte baixa do núcleo, ao recoller unha importante conca drenante e estar as súas redes constituídas por tubaxes moi antigas que non reúnen as condicións de estanqueidad esixibles ás instalacións deste tipo.

Por iso, en febreiro de 2019 a corporación municipal solicitou á CHMS, O.A. a súa colaboración para executar unha actuación de renovación das redes de saneamento e drenaxe e asinouse un Protocolo de compromiso entre as partes, o 20 de maio de 2019, que se materializa mediante o Convenio que se rubrica hoxe.

O novo proxecto
O obxectivo da actuación é a renovación de parte do colector xeral de saneamento así como a substitución dun tramo similar de tubaxe de abastecemento de auga. As obras completaranse coa reposición de beirarrúas e novo firme da calzada.
A CHMS foi á encargada da redacción do proxecto e levará a cabo a licitación, adxudicación e xestión dos contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución das actuacións contidas no Convenio, pola súa banda, o Concello de Maside asumirá a explotación, mantemento e conservación das actuacións executadas, unha vez tramitado o oportuno expediente de mutación demanial, ao amparo do disposto na Lei 33/2003, de Patrimonio das Administracións Públicas.
O investimento total necesario para a actuación estimouse en 470.000 € e a achega dos cofinanciadores será 376.000€, pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que supón o 80% do investimento e o Concello de Maside achegará 94.000 euros, o 20% restante.