O Psdeg-Psoe reclamará 9,4 millóns á Deputación para a adopción de medidas sociais

O PSDEG-PSOE RECLAMARÁ 9,4 MILLÓNS Á DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA A ADOPCIÓN DE MEDIDAS SOCIAIS E SERVIZOS BÁSICOS FRONTE Á COVID-19

Villarino salienta as importantes aportacións do Goberno central e asegura que “confiamos en que a Deputación de Ourense sexa sensible” na adopción destes acordos que considera “imprescindibles”

AVANTAR ACTIVIDADES

VIDEO

“As propostas foron escasas e incompletas para a magnitude do problema social”, denuncian antes de aclarar que “tal desaxuste é natural” polo avance da pandemia e por iso reclaman melloras

AUDIO

O PSdeG-PSOE reclamará no pleno ordinario da Deputación de Ourense de maio, a adopción de medidas sociais e para servizos por máis de 9,4 millóns de euros, co fin de “mellorar considerablemente a resposta desta institución ante crise causada polo virus SARS-CoV-2”. Unha moción que detalla actuacións urxentes por importe global de 20 millóns, inclúe 6 millóns para emerxencia social extraordinaria; 1,8 millóns para desinfección vírica de espazos públicos; 800.000 euros para apoio a centros sociosanitarios; medio millón para traslado ao ámbito domiciliario dos servizos de rehabilitación e terapia ocupacional; e 200.000 euros máis para atención a persoas sen fogar.

O voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, asegura que “confiamos en que a Deputación de Ourense sexa sensible” na adopción destes acordos que considera “imprescindibles” para facer fronte ás necesidades novas derivadas desta crise e para que “os políticos resultemos útiles para esta provincia”. Villarino afirma que a crise do coronavirus “ensinounos a distinguir o importante do accesorio” o que “situou ás persoas no centro” e, por iso, o Goberno central “foi consciente disto” e destinou unha inxente cantidade de fondos extraordinarios a estas necesidades. “Non abonda con esa axuda do Estado polo que é necesario que colaboren todas as administracións, especialmente a deputación”, insiste.

Os socialistas explican que “o Goberno central está realizando unha tarefa formidable no conxunto do país, e tamén en Galicia, onde o 27,5 % da poboación activa recibiu algunha prestación nos meses de marzo e abril”, polo que reclaman “o mesmo esforzo e axilidade á Deputación”. “Unha situación tan excepcional require do esforzo de todos, especialmente dos representantes políticos”, aseveran, polo que recordan que “o pasado 26 de marzo rexistramos un escrito cunha relación de medidas para que esta administración ampliara e mellorara a súa estratexia fronte á pandemia”. “As propostas da deputación foron escasas e incompletas para a magnitude do problema social”, denuncian antes de aclarar que “tal desaxuste é natural, pois a medida que avanza o tempo, fanse patentes as múltiples facianas do problema”.

“A Deputación de Ourense foi receptiva con algunhas das nosas solicitudes como a teleasistencia, pois só outorgou 50.000 € menos do importe que solicitamos” pero matizan que “obviou por completo” outras como as destinadas a centros sociosanitarios ou á desinfección vírica pública. Desde o PSdeG-PSOE alertan da “importancia” que última demanda ten para as entidades locais, pois a reapertura dos centros educativos coa presenza de parte do persoal e estudantes na fase 2 e cuxa limpeza depende dos concellos, esixirá gastos extraordinarios diariamente.

Así pois, os socialistas conclúen “concordando coa utilidade” dalgunhas propostas aprobadas polo goberno provincial de PP e DO, pero defenden que “deben incrementarse algunhas das cantidades previstas para dar a cobertura social necesaria”, polo que a súa proposta engloba novas medidas e tamén a mellora doutras xa existentes.