OS VECIÑOS DE ARCOS ALERTAN DE QUE O ALCALDE FUMEGA MINTE DE NOVO, FALLANDO UNHA VEZ MÁIS Á SÚA PROPIA PALABRA
Despois de xurar e perxurar en plenos e medios de comunicación que o expediente dos recibos do lixo desta parroquia estaba paralizado, estes volven a chegar sen explicación ningunha.
Unha gran parte da veciñanza da parroquia de Arcos fíxonos chegar nos últimos días a súa fonda indignación co comportamento do alcalde Fumega ao que tildan sen ambaxes de “mentireiro e embusteiro”.
Son xa varios os meses a voltas coa polémica dos recibos do lixo desta parroquia, tras unha regularización ordeada polo rexedor e que esqueceu contemplar o acordo que estes veciños tiñan para a cesión dunha inmensa extensión do seu monte comunal ao própio concello para a construción de edificacións públicas.
Así, xa polo mes de outubro, a proposta do Grupo Municipal de Espazo Común, acordouse por unanimidade do pleno, a paralización do expediente ata regularizar a situación do devandito comunal.
Para sorpresa de todos, en novembro, as reclamacións chegaron igualmente aos afectados. Ante as nosas preguntas de por que non se cumplía co acordo, Fumega respostou publicamente que “está paralizado, poideronse escapar algúns recibos”. Surrealista pero certo.
No mes de febreiro, ante a persistencia no engano masivo, rexistramos un escrito solicitando confirmación documental da paralización de dito expediente, sen ter obtido resposta a día de hoxe.
Para completar o círculo do despropósito, nestes días volven a estar a chegar reclamacións para que os atónitos veciños procedan ao pagamento do imposto que o alcalde dixo que non lles ía cobrar polo menos ata clarexar a situación.
Esiximos a Fumega que deixe dunha vez de enganar á parroquia de Arcos e que amose o documento onde ordeou a paralización de ditos recibos, ou teremos que concluir que mentiu descaradamente en pleno e nos medios de comunicación…por enésima vez.