O plan de reactivación da cultura en Ourense inclúe priorizar actuacións de artistas locais

Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) co Consello Asesor de Cultura da Provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe a importancia estratéxica que o sector económico da arte e a cultura ten para a provincia de Ourense, e considera prioritario que na fase de desescalada e reactivación económica póidanse comezar a planificar canto antes os eventos culturais e artísticos, para que a partir do 1 de xullo este importante ámbito da economía ourensá ofreza a súa programación, se a situación sanitaria e a normativa así o permiten, expresa o presidente.

Publicidade

De feito, o plan de reactivación da cultura en Ourense inclúe, precisamente, que se dea prioridade ás actuacións e espectáculos de artistas locais. Así o acordou a Comisión de seguimento e programación da Rede de Auditorios Provincial (reaOU), impulsada pola Deputación de Ourense, que aprobou onte esta iniciativa, exposta xa no encontro que Manuel Baltar mantivo co Comité asesor de Cultura o pasado 14 de maio, no que supuxo a reunión constitutiva deste órgano.

A comisión, integrada a Deputación de Ourense e representantes dos concellos que pertencen á rede de auditorios, debateu a proposta do presidente Baltar de abrir a programación cultural ao exterior, iniciativa que levará ao pleno do próximo venres, e ao mesmo tempo centrar a programación en artistas locais da provincia de Ourense, proposta que se aprobou onte por unanimidade por parte da comisión reaOU. Desta maneira, nos próximos días elaborarase un novo catálogo de espectáculos para poder programar, a partir do 1 de xullo, a nova axenda de actividades da rede de auditorios.

Neste sentido, considérase que a oferta ourensá é o suficientemente ampla como para cubrir a programación no que resta de 2020, xa que actualmente dentro do catálogo da propia rede xa figuran incluídos 150 espectáculos de artistas locais. Tamén se acordou na reunión paralizar até 2021 a incorporación de novos concellos a esta rede, que actualmente está integrada por 36 concellos.

A prioridade que para a Deputación de Ourense supón o ámbito da cultura foi destacada polo presidente Baltar na reunión constitutiva do Comité asesor de Cultura, un órgano impulsado polo goberno provincial e que ten como obxectivo pór en marcha, coa cooperación dos diferentes representantes culturais da provincia, un Plan de reactivación do sector cultural en Ourense de face á etapa poscoronavirus.

Nese encontro, que contou coa participación do presidente Baltar e de representantes de 25 entidades, actores, xestores culturais, cantantes, directores de teatro, técnicos e produtores artísticos, avaliouse a actual situación no ámbito da cultura ourensá e puxéronse sobre a mesa proxectos e iniciativas para relanzar este importante sector de actividade económica na provincia de Ourense.

Baltar sinalou que desde a Deputación imos seguir impulsando medidas a pesar da crise, mantendo unha liña política contundente no referido á cultura; imos seguir apostando por ela con maiúsculas, dixo.

O presidente avanzou que o goberno provincial xa traballa nunha reprogramación de actividades,somos sensibles -destacou- ás iniciativas que nos chegan do ámbito da cultura e cremos que nos meses que quedan deste 2020 seremos capaces de reactivar este sector, tan importante como o do turismo ou o agroalimentario, como todos aqueles con os que mantivemos este tipo de reunións que son enriquecedoras e que van de man do Comité do Día Despois, que creamos cos empresarios e autónomos para fixar unha folla de ruta de reactivación económica da nosa provincia, remarcou Manuel Baltar.