Medio Ambiente licita por 27.000 euros a redacción do proxecto de rehabilitación dun inmoble no casco histórico de Ribadavia

IES CHAMOSO LAMAS

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adquiriu esta vivenda, situada no número 16 da rúa Cervantes, a través da oferta pública de compra de inmobles do programa Rexurbe

Ribadavia é un concello exemplo en materia de rehabilitación grazas tamén ás súas áreas de rehabilitación integral (ARI) e á Área Rexurbe, prevista na Lei de rehabilitación

HIPER MASIDE

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar o contrato para a redacción do proxecto, e dirección de obra, para a rehabilitación dun edificio situado no número 16 da rúa Cervantes, no concello de Ribadavia, co fin de destinalo a vivenda de protección pública. O importe deste contrato é de 27.000 euros e se poderán presentar ofertas ata o vindeiro 26 de abril.

Este inmoble do casco histórico foi adquirido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo a través da oferta pública de adquisición de inmobles do programa Rexurbe, por un importe de 38.000 euros, co fin de rehabilitalo e habilitar vivendas públicas. Conta cun andar baixo e dúas alturas máis e unha superficie máxima de 194 m2.

Segundo o contrato público, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para redactar o proxecto de obra, que a Xunta empregará para executar os traballos que permitan a recuperación do inmoble e no que se definirán as características e distribución do mesmo.

Cómpre recordar que este concello ourensán tamén conta con dúas áreas de rehabilitación integral (ARI) e cunha Área Rexurbe, unha figura creada na Lei de rehabilitación de Galicia, que vai un paso máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral; xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.

Neste sentido, as distintas actuacións en materia de rehabilitación que se executan no municipio de Ribadavia sitúano como exemplo do compromiso coa recuperación edificatoria e a conservación patrimonial dos municipios galegos.