Moción de Espazo Común para que abra a Residencia de Tempo Libre

O candidato á Xunta de Galicia pola provincia de Ourense, Fran Fraga tamén se comprometeu nun reunión cos traballadores a loitar por unhas mellores condicións laborais para estes

En días pasados, o candidato de Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes pola provincia de Ourense, Fran Fraga e o voceiro de Espazo Común no Carballiño, Adolfo Nogueira, mantiveron unha reunión cun importante número de traballadores da Residencia do Tempo Libre.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nela, púxose enriba da mesa a posbilidade moi real de retroceder todo o que se avanzou hai uns anos para acadar que as instalacións permaneceran abertas o maior tempo posible.

Por iso, o noso Grupo Municipal do Carballiño, levará ao vindeiro pleno unha moción para que o Concello se poña a traballar coas diferentes administracións para garantir unha apertura rápida da Residencia e garanta que nos vindeiros anos, esta será de polo menos, dez meses por ano.

Esto ofrecería algo de estabilidade aos traballadores e garantiría a inxección económica que a visita dos usuarios supón para a nosa vila.

Adxúntamos a moción que ven de ser rexistrada.

MOCIÓN

                 Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN PARA ABRA A RESIDENCIA DO TEMPO LIBRE en base á seguinte

                                               EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Residencia do Tempo Libre do Carballiño é para a nosa vila, un referente histórico. Perante décadas, a afluencia de visitantes de tódolos puntos de España converteuna nun importante motor económico e en polo de atracción para xente que remataba por volver en anos sucesivos.

Hai agora arredor de 6 anos, empréndarese unha recollida de sinaturas para esixirlle á Xunta de Galicia a súa apertura máis meses no ano e que desbotara a súa intención de privatizala. A resposta da veciñanza do Carballiño foi inequívoca cunha adhesión masiva á campaña de recollida de sinaturas para este fin.

Hoxe, corremos o risco de perder todo o gañado naquela loita social e que a Residencia volva a caer no esquecemento por parte do ente autonómico.

O Concello do Carballiño conta agora cunha ferramenta da que antes carecía xa que no ano 2016 foi asinado un convenio coa Consellería de Política Social que lle permite traballar na promoción das instalacións e colaborar coa Xunta para garantir a demanda de usuarios suficiente para mantela aberta o máximo tempo posible cada ano.

Neste convulso ano 2020, permanece pechada por mor dunhas obras tardías, privandonos así dun importante fluxo de turistas, nun espazo no que non é difícil habilitar as medidas de seguridade necesarias para a protección do COVID-19.

Esta situación, demasiado repetida, de incertidume sobre as datas de apertura da Residencia debe rematar xa, polo ben da economía local e para protexer os dereitos pisoteados duns traballadores que viven sempre a expensas do que os responsables de turno decidan en cada momento.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que neste ano 2020 se abra a Residencia do Tempo Libre canto antes e sen interrupcións ata final de ano.
  2. Que o Concello do Carballiño comece a cumprir coas obrigas adquiridas na sinatura do convenio para a súa promoción e procura de usuarios.
  3. Que se demande á Xunta de Galicia que dende o ano 2021 a Residencia do Tempo Libre permaneza aberta un mínimo de 10 meses no ano cun calendario fixo.

Asinado :

Manuel Vázquez Fernández         Adolfo Nogueira Campo              Érika Paz Rodríguez