Logo das respostas do Goberno ás preguntas formuladas sobre o material con que conta este corpo na Comandancia
Máis de 64 unidades teñen unha antigüidade superior a 15 anos ou máis de 300.000 km., cun déficit de reposición de polo menos 32 vehículos
Os populares instan ao Goberno a dotar aos axentes de chalecos de protección individual, que só chegan ao 45 % dos efectivos
Os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, reclamaron hoxe ao Ministerio do Interior a urxente renovación do anticuado parque móvil da Comandancia da Garda Civil en Ourense, así como a dotación de chalecos de protección individual aos axentes, dos que nin tan siquera a metade contan con eles.
As demandas formuladas polos representantes populares no Congreso teñen o seu punto de partida na resposta que o Goberno ofreceu ás preguntas formuladas sobre os medios materiais dos que dispón na actualidade a Comandancia da Garda Civil de Ourense.
Logo de analizar os datos achegados por Interior “observamos o preocupante estado do parque móbil da Garda Civil na provincia de Ourense, con máis de 64 unidades que teñen unha antigüidade superior a 15 anos ou máis de 300.000 km., cun déficit de reposición de polo menos 32 vehículos”, denunciou Ana Vázquez.
Unha situación, engadiu, “aínda peor no tocante á protección individual dos axentes, xa que só o 45 % dos efectivos dispoñen de chalecos”. Así, dos 890 axentes destinados na provincia só 405 contan con eles, “cando por obvias razóns de hixiene e sobre todo polo covid-19 o esixible sería chalecos de uso individual e non compartidos como sucede”.
Despois de 177 anos traballando pola liberdade e seguridade dos cidadáns, “a Garda Civil é o corpo de seguridade mellor valorado pola sociedade e referencia a nivel internacional”, declarou a deputada, subliñando que nun territorio rural e cunha forte dispersión da poboación como é o caso da provincia de Ourense é fundamental a súa presenza cos medios materiais más axeitados.
RESPOSTAS DO MINISTERIO DO INTERIOR
As preguntas do deputados do PP e as respostas do Goberno foron as seguintes:
Sobre os vehículos
· Cal é a antigüidade media dos vehículos que utilizan habitualmente os efectivos da Garda Civil da Comandancia de Ourense?
Resposta (do 9 de xuño): “A 31 de decembro de 2020, a antigüidade media (en anos) dos vehículos da Comandancia interesada pertencentes ao Servizo de Material Móbil (SMM) era de 11,5 e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil era de 8,22”.
Na resposta do Ministerio de interior infórmase tamén que “se está procedendo á renovación e adquisición de diferentes tipos de vehículos, priorizando os máis antigos e con máis quilómetros, e para o ano 2021 está previsto tramitar diferentes expedientes administrativos para a adquisición de 1.100 vehículos por un importe de 30.444.164,30 euros”.
· Cantos vehículos adquiriu e cuantos substituíu desde 2015 ata a actualidade, desagregado por anualidades na Comandancia da Garda Civil de Ourense?
ANO | BAIXAS | ALTAS |
2015 | 15 | 18 |
2016 | 16 | 21 |
2017 | 10 | 23 |
2018 | 25 | 10 |
2019 | 28 | 9 |
2020 | 12 | 15 |
2021 | 9 | 1 |
· Con cantos vehículos con máis de quince anos de antigüidade ou máis de 300.000 quilómetros conta a Comandancia da Garda Civil de Ourense?
Resposta (do 9 de xuño): “O número de vehículos da Garda Civil na comandancia interesada, con máis de 15 anos de antigüidade ou 300.000 quilómetros, é de 64”.
Sobre os chalecos de protección individual
· Cantos chalecos de protección individual exterior e interior, de maneira desagregada para homes e mulleres, hai na actualidade na Comandancia da Garda Civil de Ourense e cantos caducarán ao longo do ano 2021?
Resposta (do 24 de xuño): Externos estándar 324; externos específicos (femininos) 39; internos estándar 40; internos específicos (femininos) 2.
Ademais indícase que en 2021 non caduca ningún chaleco.