A Deputación de Ourense, que colabora na celebración do Campionato de España de Piragüismo de promesas mozas e Canoe, nas categorías de infantil e cadete, que se está a disputar esta fin de semana nas instalacións do Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, participou esta mañá, da man do presidente provincial, Luis Menor, na entrega de medallas das categorías infantil masculino e feminino de C1, K1 e PK3, tamén chamada Canoe, categoría de deporte adaptado.
Ao remate da entrega de medallas, Luis Menor sinalou a “inmensa honra” que supón para a provincia e para a Deputación acoller e colaborar con esta proba deportiva, “onde compiten deportistas que en poucos anos representarán a España nas competicións do máis alto nivel, seguindo a estela de grandes campións como David Cal, Teresa Portela ou Saúl Craviotto”, augurou o presidente provincial, quen lembrou tamén que o piragüismo é o deporte que máis medallas olímpicas lle ten dado a España, 23 en total.
Luis Menor estivo acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; Francisco Pérez, segundo tenente alcalde; o concelleiro de Deportes, José Antonio Ferreiro, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. O parque náutico acolle esta fin de semana a máis de 1.000 padeeiras nunha competición que comezou onte, día 4, cos adestramentos, mentres que as probas dispútanse ao longo da xornada de hoxe e mañá domingo só pola mañá.