A mocidade galega poderá solicitar axudas para o pago do permiso de conducir de coche e camión

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicoulle este venres ao Presesidente da Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense esta liña de axudas

Publicidade
  • O delegado territorial informouno que a partir do día 14, e ata o 13 de setembro estará aberto o prazo para esta subvención que será de 400 euros para o carné tipo B e 650 para o de tipo C
  • Na pasada convocatoria beneficiáronse desta axuda máis de 1.700 mozos e mozas
  • A orde conta cun orzamento total de máis 760.000 euros e os interesados teñen un mes para solicitala

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá co Presidente Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas, Fernando Varela, para anunciarlle as axudas para o pago do permiso de conducir tipo B ou tipo C, isto é, de turismo ou camión, respectivamente, que saíron publicadas onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que a partir do día 14 e ata o 13 de setembro as mozas e mozas de Galicia poderán solicitar.

O delegado territorial explicoulle que esta liña de axudas que forman parte do Plan Estratéxico de Xuventude da Xunta de Galicia 2021 teñen como obxectivo promover a inserción laboral da mocidade.

Segundo Gabriel Alén, o Goberno galego, co obxectivo de mellorar a autonomía, mobilidade e inserción laboral da mocidade, pon en marcha esta orde que conta cun orzamento total de máis de 761.000 euros, cofinanciados nun 91,89% pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Así, para a obtención do permiso de condución de clase B, de turismo, o importe da axuda será de 400 euros, e de 650 euros para o de clase C, o de camión.

Na pasada convocatoria desta orde, máis de 1.700 mozas e mozas recibiron a axuda, deste mesmo xeito, estímase que este ano a medida acade o mesmo número de persoas ou incluso se supere. Cómpre sinalar que o prazo de solicitude podería rematar con anterioridade no caso de que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

Os interesados en solicitar esta axuda deberán ter máis de 18 anos, estar empadroados na Comunidade Autónoma desde hai un ano e inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén teñen que estar matriculadas nunha autoescola de Galicia no momento de presentar a solicitude ou ben ter obtido o permiso entre o 1 de xaneiro e a data da presentación.

As solicitudes teñen que se presentar por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.