Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Seguimos en Viena. É mércores, 29 de decembro. Teño unha invitación de Ludwig Wittgenstein para asistir esta mañá na casa da súa irmá Margarete Stonborough-Wittgenstein á reunión da “Sociedade Psicolóxica dos Mércores” que dirixe Sigmund Freud. Procuro ser respectuoso co meu anfitrión e procuro chegar puntual ás dez da mañá como quedara con el onte pola tarde. Recibiume no amplo vestíbulo da planta central para continuar de seguido ao gran salón de reunións.

Sobre o andel central dunha diminuta biblioteca de madeira marrón claro, ubicado no medio da parede frontal do salón, álzase a efixie de Xano, o deus romano bifronte, que preside as reunións que a cotío programa Ludwig nesa casa deseñada por el para a súa irmá Gretl (Margarete). No centro do salón, unha espazosa mesa ovalada de madeira, facendo xogo coa biblioteca, escudada por unha ducia de cadeiras aterciopeladas. O salón exhibía unha fulgurante iluminación resaltando a harmonía dos elementos decorativos para darlle ao conxunto un aire de solemnidade como requiría a ocasión.
Ás dez e vinte chegan os primeiros participantes do faladoiro. O primeiro en acercarse foi Alfred Adler, con gabán azul e luvas grises de la. Un pouco despois, preséntase Sigmund Freud, con traxe gris fluído a cadros, gravata negra, gafas ovaladas e carteira ateigada de material pedagóxico.

Logo, entra Carl Gustav Jung, que vén desde Suíza, acompañado por Paul Eugen Bleuler, psiquiatra helvético e un vello coñecido de Freud. Jung saúda aos asistentes e presenta ao seu colega Bleuler mentres quita o seu abrigo azul e o colga nunha percha da parede lateral esquerda. Pouco despois entran xuntos Karl Abraham, que fora secretario da Asociación Psicoanalítica de Viena e considerado por Freud como o seu mellor alumno, e Otto Rank, un dos primeiros discípulos de Sigmund Freud que formaba parte dos seus colaboradores de máis confianza. Finalmente, vén Reithler, un fixo nos faladoiros dos Mércores na casa de Freud. Wittgenstein vai colocando aos presentes nas cadeiras ao redor da mesa, ao tempo que me presenta aos asistentes como amigo recén chegado de Galicia (tiven que lles aclarar que era a Galicia do noroeste de España, non a Galicia polaca) para celebrar con el o centenario do seu Tractatus. Sigmund preside a reunión e, fronte, no outro extremo da mesa, colócase Wittgenstein. Os demais sentamos nas cadeiras que están ao redor da mesa.

Abre a sesión Sigmund Freud agradecendo a xentileza e bonhomía do anfitrión ao recibirnos con tan efusiva hospitalidade e sincera xenerosidade. Logo, pide un aplauso para o anfitrión por cumprise o centenario da publicación do seu Tractatus. Soan aplausos pechados durante uns segundos que obrigan a se levantar da súa cadeira, con rostro timidamente incómodo e vergoñoso, ao homenaxeado. Despois dese breve momento, case protocolario, Freud propón o tema de debate do día: O suicidio visto desde a psicanálise. O tema preludiaba resultar interesante, tendo en conta o elevado número de suicidas nos últimos anos e a amizade e boa relación dalgúns dos alí presentes con suicidas.
Freud reformula a súa tese deste modo: O suicidio é consecuencia do complexo de Edipo, que desemboca nunha represión sexual e na pulsión do thánatos. A persoa que na súa infancia sufriu abusos sexuais por parte dos seus proxenitores ou doutras persoas, automaticamente somete os abusos á represión. O suicido, pois, agocha tras de si unha neurose causada por unha represión desta natureza.
Podemos iniciar, pois, o debate ampliando, criticando ou argumentando a miña teoría, afirma Freud.
O primeiro en tomar a palabra é Alfred Adler, home de fisonomía franca e dialéctica serena.
-Bos días señores. O tema resúltame extraordinariamente interesante dada a transcendencia e a repercusión social dun fenómeno, tremendamente horroroso, que se repite mimeticamente nas últimas décadas. E non afecta a persoas do lumpen, marxinadas, analfabetas ou ignorantes, senón a persoas cultas, ilustradas e intelectualmente ben equipadas. Podemos lembrar que algunhas vítimas que aparecen na lista desa abxecta decisión son científicos -como os físicos Ludwig Bolzmann e Paul Ehrenfest; filósofos -como Otto Weininger-; pintores -como Richard Gerstl; psicanalistas colegas nosos -como Helbert Silberer e Viktor Tausk; escritores -como Stegan Zweig; e mesmo nobres -como Rodolfo de Habsburgo e a súa amante María Vetsera. A sociedade reclámanos buscar solucións a este tipo de condutas que denigran e afean á natureza humana.
-Esa lista queda incompleta -intervén Ludwig Wittgenstein– porque nela poden vostedes incluír a tres membros da miña familia, tres dos meus catro irmáns: Johannes (Hans), que se suicidou en América; Rudolf, que inxiriu cianuro; e Konrad (Kurt), que se pegou un tiro ao final da Primeira Guerra Mundial despois de que os seus soldados se rebelaran e se negaran a cumprir as súas ordes.
Estaba intervindo Ludwig W. cando sonou a campá da porta de entrada anunciando a chegada dalgún outro contertulio que se atrasara. Ludwig levanta da cadeira e sae a recibir ao visitante. Entra con el para que se sume ao grupo do salón. Logo, preséntao aos asistentes como o seu amigo Gustavo Klimt, o gran pintor, que por amizade coa familia se comprometera realizar un retrato de Gretl (Margarite Wittgenstein), irmá de Ludwig.
Gustavo Klimt, home de presenza elegante, barba recentemente acicalada, estilo refinado e porte distinguido toma asento, mentres Wittgenstein lle explica o momento no que está o debate sobre o suicidio.
Gustavo Klimt, que non estaba ao tanto das intervencións anteriores, válese do momento para xustificar o seu retraso e para narrar aos asistentes unha experiencia persoal cunha suicida. Relatou que lle encargaran un cadro dunha moza que se suicidara, pero que tivo problemas para compracer á persoa que lle fixera o encargo. O retrato correspondía a Ria Munk, unha moza pertencente a unha familia burguesa de Viena que se suicidou con 24 anos por un desengano amoroso tras romper co seu amante, o escritor Hans Heinz Ewers. Pero o retrato que me encargou a nai de Ria –revela Klimt– tiña que representar a imaxe da moza no leito de morte. Eu presenteille un lenzo a Aranka Munk, nai da moza, pero viuno tan fúnebre que o rexeitou de inmediato. Fixen outro, onde a suicida aparecía viva, porén tampouco foi do seu gusto. Así que o intentei cun terceiro, retocando o segundo, aínda que lle dei forma de bailarina, e este si que o aceptou.
Todo indica que a familia do suicida non asume a deshonra dunha morte nesas circunstancias e pretende idealizar á suicida ante a sociedade como unha persoa viva que danza fóra dos límites físicos do tempo.

– Wittgenstein toma de novo a palabra para confesar que a el mesmo en máis dunha ocasión lle pasou pola mente suicidarse como os seus irmáns, pero que esa tentación se frustrou despois de reflexionar sensatamente sobre a defensa da ética no Tractatus. En cambio -continuou- temo pola decisión que poida tomar algún amigo meu sabendo que está disposto a executar tan vil acto dada a difícil situación na que se atopa.
(Máis tarde comentoume, de forma reservada, que se refería a Alan Turing, co que compartiu investigacións relacionadas coa clave do Enigma, a máquina utilizada polos nazis para cifrar mensaxes).
-Eu tamén temo polo meu amigo Wilhelm Stekel -o meu apóstolo, como el mesmo se cualifica- porque sei que tampouco está atravesando bos momentos, intervén Freud.
–Paul E. Bleuler, lucindo chaqueta cor canela, con botóns dourados, que se axustaba perfectamente ao seu talle, tercia no debate cunha nova proposta:
-Falamos do suicidio como o acto libre que exerce unha persoa quitándose a vida biolóxica; pero creo que, como analistas da psique, debemos ampliar ese concepto aceptando a existencia do suicidio psicolóxico, entendendo como tal o acto de “quitarse libremente a vida psíquica ou mental” dun pasado vergoñoso que se cimentou e consolidou sobre a vida biolóxica. Sabemos que a vida mental ten un peso fundamental na vida biolóxica porque a determina. Sabemos que en moitas circunstancias a vida se modifica radicalmente cos cambios psicolóxicos.
-Terei que lle aceptar o concepto de suicidio psicolóxico, doutor Bleuler, como sabe que lle aceptei noutro momento o concepto de ambivalencia, mediou Freud.

Freud no balcón da súa casa (Casa Museo de Freud en Viena)
-Un caso que pode encaixar perfectamente nese novo concepto de suicidio psicolóxico -intervén agora o doutor C. G. Jung– podería ser o da artista checa Aíxu Weiss e o do lóxico-matemático Onil Evamg. Coñecéronse nun congreso de arte simbólica en Praga. A vida de Aíxu rodaba sobre a arte, pero a súa beleza atraía a tantos homes que a moitos deles os convertía en amantes pasaxeiros. Onil, pola súa parte, estaba dedicado profesionalmente á lóxica e ás matemáticas na universidade, aínda que a súa vida sentimental e amorosa coas mulleres rexistrábase na súa axenda en sumas con algoritmos polidíxitos. Amaba as mulleres un instante, porque nacera para soñar o amor, non para sentilo.
Despois de se coñeceren e de contarse as súas vidas pactaron eliminar os seus pasados disolutos para suicidarse psicoloxicamente. Aínda que Onil non puido resistir á sedución dos encantos daquela muller da que se enamorou perdidamente, viuse obrigado a compartir con ela aquel suicidio. E entre ambos naceu un novo tipo de amor, ganduxado con proxectos ideais, substituíndo a aqueloutro amor turbulento.
-Esa nova forma de vida de ambos personaxes -intervén Wittgenstein- coincide coa explicación do concepto de amor que tan fermosamente lle explicou Diotima a Sócrates no Banquete platónico.
-Ese caso, doutor Jung, ensambla tamén perfectamente no concepto de sublimación que expliquei en varios escritos, terciou Freud. É un escape á neurose que podería presentarse nas súas vidas no caso de seguir cos seus desenfreos sexuais. Pero, a diferenza do suicidio biolóxico de Rodolfo de Habsburgo e a súa amante María Vetsera, que aniquilaron as súas vidas biolóxicas, as de Aíxu e Onil continúan sostendo a nova vida psicolóxica da sublimación.

Cunha expresión do rostro singularmente audaz e cun espontáneo instinto de delicadeza, interrogou Gustav Klimt a Freud: Pode explicarnos en que consiste o concepto de sublimación ao que acaba de se referir?
Freud respondeulle:
-Trátase dun proceso psíquico mediante o cal determinadas áreas da actividade humana, que aparentemente non gardan relación coa sexualidade, transfórmanse en depositarias de enerxía libidinal ou pulsional. O proceso consiste nun desvío da sexualidade cara a un novo fin. No caso relatado polo doutor Jung, a pulsión sexual transformaríase en arte, en música, en relixión, en política, en ciencia, en dereito… ao que se poderían dedicar esas dúas persoas. Sublimar consistiría en mudar o fin pulsional cara a unha actividade desexualizada, tentando levar a cabo a súa realización.
Agora -coa súa bufanda vermella e o seu gorro verde, dos que non se desprendeu toda a mañá- intervén por primeira vez Karl Abraham con certo aire desafiante:
-Recalando nese estado de sublimación, esas persoas entrarían de bruzos no que vostede mesmo cualificou como malestar na cultura. A arribada á sublimación meterá a calquera persoa nun antagonismo entre as esixencias pulsionais e as restricións impostas pola cultura (arte, ética, dereito, política…). Vostede reflectiu no libro O malestar na cultura a contradición existente entre a cultura e as pulsións. Mentres a cultura tenta instaurar unidades sociais cada vez maiores, ten que restrinxir o despregamento e a satisfacción das pulsións sexuais e agresivas, transformando unha parte da pulsión agresiva en sentimento de culpa. Por iso, a cultura xera insatisfacción e sufrimento. Canto máis se desenvolve a cultura, máis crece o malestar. Por iso, tamén se pode afirmar que o tema central do Malestar na cultura é a culpa.
Para vostede, a cultura só pode realizarse en plenitude cando sufoca os instintos máis primarios da persoa. A cultura vive en perpetuo malestar porque a única maneira de que exista é que a persoa se reprima; que mutile esa parte animal que faría del aquela besta libre e feroz que Nietzsche admiraba. Vulnera, pois, vostede as ideas do seu vello amigo Nietzsche asasinando o espírito dionisíaco en aras do apolíneo.
-Freud, demostrando unha completa indiferenza ante a reflexión de Abraham, retomou o tema do suicidio tratando de ampliar a base da súa teoría sexual coa introdución de dúas grandes pulsións antagónicas, eros e thánatos.
Os seres humanos -explicaba Freud- desnaturalizamos o instinto para transformalo en pulsión. Eros é unha pulsión sexual que arrastra á creación, a vivir, a gozar; mentres, thánatos leva a destruír, a morrer, a sufrir. A existencia humana está supeditada a esas dúas pulsións, que conducen necesariamente ao aniquilamento unha da outra. Por tal razón, o suicida déixase arrastrar por thánatos, inhibíndose do impulso erótico que acaba fracasando despois de intentar vencer a thánatos nese enfrontamento pulsional. Se fósemos conscientes desa loita interna, seguramente apostariamos por eros, pero somos descoñecedores dese combate porque se sitúa no “iso”-ello– (es), no inconsciente, esa parte afastada da conciencia e do control do ego (eu) e do super-ego (super-eu). Eros e Thánatos están presentes na existencia humana e son necesarias na constitución do psiquismo como expresións de forzas inconscientes e constantes, que se tecen e destecen, pero só se mostran naqueles obxectos que nos permiten deducir a súa presenza.

Wittgenstein pretendeu amplificar o concepto de eros aludindo de novo ao Banquete platónico, onde Diotima explica que eros era, ao mesmo tempo, inmortal e mortal por ser fillo dun deus, Poros, e dunha esmoleira, Penia. Así que eros e thánatos son inseparables, como parece defender o doutor Freud e defendía tamén Diotima de Mantinea.
Logo desas intervencións, presentáronse hipóteses e teorías relacionadas coas posibles causas que derivaban no suicidio. E aquí si que houbo debate, enfrontamentos, críticas e momentos de tensión.
Analicemos -manifesta Freud– as causas dos suicidios, das neuroses e das patoloxías ou trastornos mentais que afectan ás persoas. A miña proposta é clara e rotunda, como dixen anteriormente: a etioloxía destas enfermidades radica na represión sexual. Gustaríame oír os seus argumentos apoiando a miña proposta.
Toma a palabra Alfred Adler, cuxa cara traducía ben o pensamento que lle atormentaba:
-Como saben vostedes, eu defendín as ideas do doutor Sigmund Freud en todos os foros, públicos e privados, e teño participado perseverantemente neste faladoiro dos Mércores, que normalmente organiza na súa casa. Con el editei a Revista de psicanálise, da que fun seu director, renunciando un pouco máis tarde á dirección e a formar parte do consello editorial. Despois diso retireime do movemento psicanalítico definitivamente. E vostedes preguntaranse cales foron as razóns da miña retirada.
-Pois nin máis nin menos que a miña oposición pública á teoría sexual que propón o doutor Freud como causa dos trastornos mentais, e que me atrevín a censurar en varias conferencias.
Freud quedou pasmado ante o que acababa de oír e intentou expulsalo do salón, pero atopouse coa oposición dos asistentes. Con todo, Freud advertiulle que non volvese rexeitar a súa teoría sexual. Adler non calou e quixo continuar con ese debate.
Non comparto a teoría sexual do doutor Freud como causa das neuroses -seguiu argumentando Adler. Creo que as neuroses teñen a súa explicación no complexo de inferioridade. A persoa que está sometida a ese complexo trata de elimínalo a través do complexo de superioridade. Comparto co doutor Freud que ese complexo está no inconsciente, porque se fose consciente sería un sentimento de inferioridade, non un complexo; pero non admito que se relacione coa sexualidade, senón coa percepción de desarraigamento que afecta á persoa que padeceu unha infancia desastrosa, chea de burlas, sufrimentos, rexeitamento, etc. Esa persona, chegada á maioría de idade, tratará de substituír ese complexo de inferioridade polo complexo de superioridade. É dicir, procurará facer ostentación dalgunha cualidade persoal que, ao seu parecer, está ben valorada socialmente. En conclusión, haberá que analizar as neuroses a través destes complexos, non da sexualidade. E neste caso cómpre valorar o papel que exerce a sociedade no momento de ofrecerlles ás persoas valores humanistas e formativos cara os que debe arribar a persoa.
Notábase ben que Freud non toleraba que os seus colegas, especialmente Alfred Adler, criticasen a súa teoría do trauma sexual como causa da represión e dos pacientes de neurose. Pero inmediatamente pediu turno de intervención Carl G. Jung.
-Doutor Freud: eu critico, como acaba de facer o meu colega Alfred, o papel da sexualidade na psicanálise; e demóstrolle que a gran maioría dos meus pacientes de neurose non manifestan eses traumas sexuais na etioloxía da súa enfermidade.
Despois de oír isto, Freud suxeriulle a Gustav C. Jung rematar cunha vella amizade que viña do pasado. E dirixíndose a el advertiulle:
-O seu alegato de que trato aos meus seguidores como pacientes, que publicou vostede hai uns días, é evidentemente falso…. Sabe moi ben vostede que é unha convención entre os analistas que ningún de nós debe sentirse avergoñado da súa propia neurose…. Pero un analista como vostede, que mentres se comporta dunha forma anormal, segue berrando que é normal, está dando base á sospeita de que lle falta asumir a súa enfermidade. En consecuencia, propóñolle que abandonemos completamente a partir de agora as nosas relacións persoais.
Jung levantándose da cadeira, e con fría indiferenza contestoulle:
-Querido profesor Sigmund: Voume resignar ao seu desexo de renunciar ás nosas relacións persoais, pois nunca impoño a miña amizade a ninguén. Vostede converteuse nun pan-sexualista querendo explicalo todo a partir da sexualidade. E está nun erro.
-Doutor Jung -replica Freud-: a pulsión sexual dos neuróticos xustifica a miña idea, porque na súa experiencia clínica terá comprobado que as psiconeuroses repousan sobre forzas de pulsión sexuais de maneira que a vida sexual desas persoas se exterioriza exclusivamente nos seus síntomas, o que lle leva a considerar que os seus síntomas non son máis que a expresión da súa vida sexual.
-Eu xa lle tiña aludido noutras ocasións -responde o doutor Jung– do erro que cometeu vostede co seu examigo Josef Breuer sobre a sedución na idade infantil como causa das psicoses. Ao final, vostede tivo que rectificar e negar que a causa das psicoses fose a vivencia dos abusos sexuais na idade infantil.

-Ten vostede razón de que cometín un erro con Breuer ao defender a sedución infantil, contestoulle Freud. E así llo comuniquei ao seu amigo Fliess mediante carta expresándolle que por ese erro me sentía marxinado polos meus colegas, perdendo novos pacientes. Pero estou seguro -continuaba Sigmund- que vostede non leu os Tres Ensaios que acabo de publicar sobre a sexualidade infantil. Neles aparece a primeira elaboración teórica sistemática das miñas hipóteses sexuais. Esas hipóteses apóianse fundamentalmente no traballo clínico cos pacientes aqueixados de psiconeuroses, que son os que me levaron ao estudo da sexualidade infantil e da perversión.
E voulles explicar a vostedes, para que recoñezan e acepten a miña teoría, as aberracións sexuais que se dan na vida humana e derivan nestas patoloxías. As tendencias eróticas podemos clasificalas en dous grupos:
1.- Desviacións relacionadas cun obxecto sexual. Nelas inclúese a inversión (homosexualidade), a paidofilia e o bestialismo. Na inversión non se poden incluír todos os casos nun só grupo. Por iso podemos distinguir entre unha disposición bisexual e as perturbacións que atacan á pulsión sexual desde a infancia.
2.- Desviacións respecto ao fin sexual. Nos casos de desviación, o fin sexual normal consistente na unión dos xenitais no coito queda desviado, producíndose as transgresións anatómicas onde están, entre outras, o uso sexual das mucosas bucais e labiais como fin sexual último, a sexualidade anal ou o fetichismo; da mesma maneira, está a fixación dos fins sexuais preliminares onde está o tocamento e contemplación, así como o sadismo-masoquismo.
Polo tanto -continuaba Freud-, non considero válidas ás teorías das perversións como dexeneracións nerviosas que algúns dos presentes establecen. En cambio, propóñolles a hipótese de que a disposición á perversión é a norma primitiva da pulsion sexual na infancia, e a partir dela vaise desenvolver a conduta sexual normal. Así, o sexual considerado perverso pasaría a quedar no centro da sexualidade humana.

Adler tomou a palabra para criticar contundentemente a intervención de Freud: -A súa intervención é realmente escandalosa.
Despois desta pequena liorta, Karl Abraham pide de novo a palabra.
-Agradezo ao doutor Freud que me incorporase ao grupo dos seus colaboradores máis íntimos para formar parte do Comité dos Sete Aneis, recibindo un anel seu como símbolo de confianza. Polo tanto, non podo estar máis que de acordo con el na súa teoría sexualista. Con todo, gustaríame lembrarlle que o meu amigo e seu apóstolo Wilhelm Stekel acuñou o termo “parafilia” en substitución do termo “perversión” que vostede utiliza. E tamén, profesor Freud, para ampliar o seu concepto de desviación, Stekel contrastou o “fetichismo normal” de intereses extremos: só chegan a ser patolóxicos os fetichismos cando empuxan todo o amor do obxecto a un segundo plano, apropiándose eles da función do obxecto amoroso. Por exemplo, cando o amante queda satisfeito con só posuír un cabelo da súa amada desprazando á amada a un segundo plano.
–Reithler tomou a palabra para informar aos presentes que, despois de Freud, el foi o primeiro en practicar a psicanálise e que seguiría sendo por toda a súa vida membro da Asociación Psicoanalítica Vienesa. E introduciu un novo debate. O mimetismo do suicidio. E citou o suicidio de Otto Weininger, que ao seu parecer puido ser a consecuencia lóxica do argumento do libro Sexo e carácter, autoría de Weininger. O feito de que se quitara a vida non se viu no seu momento como unha covarde fuxida do sufrimento, senón como un acto ético, a valente aceptación dunha conclusión tráxica. Como tal, inspirou un certo número de suicidios imitativos.

E dirixíndose ao presidente da mesa pregúntalle: É certo que vostede, despois de ler o libro de Weininger, incorporou ao seu método psicanalítico algunhas ideas de Sexo e carácter, como a de que o contacto físico coas mulleres desespiritualiza aos homes e, consecuentemente, a abstención sexual é condición imprescindible para o desenvolvemento espiritual e a xenialidade?
– Respecto a certa parte da súa pregunta, a resposta é afirmativa, contesta Freud. Eu introducín, certamente, este punto de vista do libro de Weiniger na presentación do conflito entre a actividade sexual e a alta espiritualidade na teoría da sublimación.
Gustav Klimt, que estaba ao meu lado, díxome moi baixiño ao oído: Incluso parece que el abandonou a actividade sexual coa súa muller por esa mesma razón.
Otto Rank, que permanecera en silencio ata ese momento, con certa indiferenza e despectiva contracción dos seus beizos, dirixiuse a Freud con estas palabras:
-As recomendacións que propón vostede nos documentos técnicos aconsellan que os psicanalistas non teñan emocións. Esa mensaxe leva a unha eliminación antinatural de todos os factores humanos na psicanálise e a unha teorización da experiencia do sentimento da relación intersubxectiva dentro da situación analítica. Para vostede hai que atopar compoñentes orais, prexenitais e xenitais na motivación. Deste modo, non aparecen persoas que sexan felices ou infelices, nin que se sintan temerosas, ou cheas de ira, cariñosas e afectuosas…
A mirada de Freud brillou como un lóstrego, iluminada por un pensamento diabólico. E con voz apagada e doente enfrontouse ao seu interlocutor:
-Estou fervendo de rabia!
Despois de ler o seu libro O trauma do nacemento, teño que advertilles -dirixíndose aos asistentes- que Rank está perigosamente preto da herexía antiedípica.
Rank tomou a palabra de novo:
-O meu libro, que vostede acaba de citar, pretende explorar como a arte, o mito, a relixión, a filosofía e a terapia están afectados pola ansiedade a causa da separación na “fase anterior ao desenvolvemento do complexo de Edipo”. Para vostede, doutor Freud, o complexo de Edipo representa o núcleo da neurose e a orixe fundacional da arte, do mito, da relixión, da filosofía, da terapia… de toda a cultura. Por tal motivo, atrévome a suxerirlle que o complexo de Edipo pode non ser o factor causal supremo da psicanálise. Eu substitúoo polo complexo preedípico.

Toda a experiencia emocional dos seres humanos está sendo reducida pola psicanálise a un derivado da libido. Para vostede, a emoción é sempre sexual, derivada dun perigoso iso (Id) que debe ser desarraigado cirurxicamente. Onde está o iso (Id), alí está o eu (ego), afirma vostede. A libido é unha expresión que toma vostede da teoría das emocións. A emoción é a causa do trastorno neurótico. O aumento da emoción, na súa opinión, é desagradable. A cura significa analizar, traballar e desarraigar as emocións do paciente. O psicanalista fai consciente o inconsciente proporcionando unha visión cognitiva ao paciente, sometendo así a pulsión do factor irracional, das emocións -do iso (Id)- para que emerxan do inconsciente do paciente. Reducir toda a experiencia emocional, todos os sentimentos, o amor, o pensamento e a vontade ao sexo foi un dos seus maiores erros, señor Freud. E así, nunha situación psicanalítica, a negación da vida emocional conduce á negación da vontade, da vida creativa, así como á negación da relación interpersoal.
Considero -afirma Freud- que a psique humana é dinámica e presenta estruturas ou instancias psíquicas que nos levan a perseguir uns intereses que chocan entre si. Créanse, pois, conflitos e loitas de forzas antagónicas que, ao meu modo de ver, rexen a nosa forma de pensar e de actuar. Estas instancias psíquicas denomínoas Iso –Id/es– (el Ello), Eu e Super-eu (“modelo estrutural”), conceptos que utilizo na segunda Tópica, fronte ao Consciente, Preconsciente e Inconsciente (“modelo espacial”) do mecanismo psíquico da primeira Tópica. As tres entidades da segunda Tópica explican a personalidade dos seres humanos a través do modo no que loitan entre si.
O Iso está presente desde que nacemos, e por tanto manda durante os dous primeiros anos das nosas vidas, movéndose polo principio do pracer inmediato, e loitando para que as pulsións primarias rexan a nosa conduta. Considérase como a parte instintiva do ser humano.
O Eu aparece despois dos primeiros anos e, a diferenza do Iso, réxese polo principio da realidade enfocándose cara ao exterior e mirando polas consecuencias prácticas do que facemos e polos problemas que pode xerar unha conduta demasiado desinhibida. Así enfróntase ao Iso para calmar as pulsións utilizando os mecanismos de defensa.
O Super-eu aparece a partir dos tres anos, como consecuencia da socialización, que provén esencialmente a través dos pais e da interiorización de normas sociais. É a instancia psíquica que vela polo cumprimento das regras morais, presionando para realizar esforzos coa finalidade de que a persoa acade a perfección no máximo posible.
Esa loita entre o Iso, o Eu e o Super-eu pode xerar descompensacións que producen a aparición de psicopatoloxías, polo que se debe tratar o seu re-equilibrio mediante a psicanálise.
O complexo de Edipo implica un conxunto de emocións e sentimentos infantís onde aparecen simultaneamente desexos amorosos e hostís cara aos seus proxenitores. Por unha banda, hai un desexo inconsciente de manter unha relación sexual (incestuosa) co proxenitor do sexo oposto e, por outra, de eliminar ao pai do mesmo sexo (parricidio). No caso da muller denomínase complexo de Electra. Eu considérao un concepto central da psicoanálise.
C. G. Jung tentou criticar o complexo de Edipo introducindo o estadio do espello de Lacan como o seu substituto. Pero cando iniciaba a exposición da súa proposta aconselláronlle aprazala.
Ante o ambiente caldeado que se estaba creando, Wittgenstein pediu ao presidente da mesa un descanso de media hora para continuar despois. A figura de Xano que presidía o centro da biblioteca daquel salón parecía forzar un sorriso na cara bifronte do futuro intuíndo como ía concluír aquel debate. Como concluiría a reunión? Lograríase un consenso final? Verémolo.
—————————————————————————————————
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.