Felipe Senén Gómez

Artigo : ” Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside ”

Puzo do Lago, Maside, 1962, (Foto Felipe-Senén).
Puzo do Lago, Maside, 1962, (Foto Felipe-Senén).

Un dos lugares máis atractivos en canto a paisaxe, arqueoloxía e lendas é o  Puzo do Lago no concello de Maside. Non lonxe da aldea de Amarante e de Lago, nas congostras ou camiños que levan a outras como Treboedo, Grixoa, Partovia, Asamonde,  Alen, Bouzas Lobada… Paraxes que reclaman os estudos dunha microtoponimia, que se perde, e que poderían ofrecer tantos datos en relación cos antigos usos.  Núcleos cunha longa historia enredada no medievo cos condes de Ribadavia e ao cabo do tempo tamén berce de xente espallada pola diáspora: de Amarante eran os canteiros Bermello, construtores de cruceiros, os que fixeron os dous tan queridos en Montevideo; parroquia de Amarante de onde tamén procede a familia do gran escritor e animador cultural arxentino Paco Luis Bernardez, irmán de a Aurora, a musa de Julio Cortazar, o xenial escritor que por estas paraxes pasou días, disque inspirándose para algún persoeiro de Rayuela, como estuda o meu amigo Francisco Fernández Naval. Si ben antes o misterioso lugar do Puzo do Lago tamén fora visitado nunha daquelas excursións con merendiña incluída,  pola señora Condesa de Pardo Bazán, tal como o describe na novela “El Cisne de Vilamorta” (1885):”...y otra tarde les enseñó un curioso lago, del cual se referían en el país mil consejas: que no tenía fondo, que llegaba al centro de la tierra; que bajo sus muertas hondas se columbraban ciudades sumergidas; que flotaban en él maderas extrañas y crecían flores nunca vistas. Era el tal lago en realidad una excavación, probablemente una mina romana inundada, que, presa entre la serie de monticulos de toba arcillosa que la pala de los mineros había acumulado por todas partes, ofrecía sepulcral y fantástico aspecto, ayudando a la ilusión la melancolía de las vegetaciones palustres que verdeaban en la sobrehaz del gran charco….”  Xa o di case todo a coruñesa, as mesmas cousas que temos escoitado dende nenos.

Puzo do Lago, Maside, 1962, (Foto Felipe-Senén).

Lugar escondido, maldito, tétrico, misterioso onde os haxa, escenario de mortes acontecidas,  complementado ademais polas lendas que o envolven polo tempo do San Xoán, entre un competitivo son de canto de corvos, ras, sapos e grilos. Lugar arqueolóxico en relación cos castriños que o rodean e máis co de San Cibrán das Las. Pese a todo xacemento pouco máis que referenciado en estudos como os de Risco, Cuevillas , Chamoso e máis recentemente por Rodríguez Colmenero, Claude Domergue e Sanchez Palencia. Minas e contexto castrexo merecentes de particulares estudos .

O Puzo do Lago é iso, unha gran escavación mineira, aurífera, entre outras que hai nas terras do Carballiño, que xustifican a abundancia de asentamentos castrexos. A xulgar tamén polos vestixios desa época galico-romana aparecidos na súa contorna, nos camiños de Negrelle. Mina explotada , entre outras da bisbarra, a fins do século XIX por unha compañía belga, pra mesmo cotizar en bolsa os bonos “The Carballino gold and arsenic mines”. Ate non hai moito os máis vellos lembraban as conversas cos enxeñeiros “franceses”  coñecedores das antigüidades e das lendas de “mouros” e dos seus tesouros. Montículos, restos das escavacións co puzo ou lago no centro, onde aínda se atopan pegadas dos  derradeiros intentos de explotación.

O significado da lenda da Virxe e o avarento  panadeiro e o Lago

Gran puzo central que inundado polo verter dos regueiros e das chuvias crea unha lagoa. Noutrora asomando, sobranceiro, no medio un tipo de estraño sabugueiro ou bieiteiro que se fixo mítico e que  murchou alá polo cambio deste século. Árbore de cotizadas follas e floracións, buscada polas meigas e curandeiras  da zona, de sona foron as de Rañestres, as de  Listanco e Punxín… flores e herbas que se dicían apropiadas pra deixar a remollo na almofía, a recibir o serao da noite do San Xoán, cos estraloques, o romeu, as malvas, o cinamomo…  Noite máxica esta e máis neste lugar, onde se conta que entre os silencios do canto das abundantes ras e grilos, a medianoite pode escoitarse o  tanxer das campás da igrexa da aldea asolagada por castigo da Virxe. E aínda non falta quen asegura telas escoitado. Pois a lenda que ofrece variacións conta que por alí pasou de peregrina a Virxe co Neno  a cabalo dunha mula ( outros din que foi o apóstolo Santiago) e que sentiu fame e quixo darlle de xantar ao Neno, parou nun forno e pediu pan…o panadeiro dixo que non, a Virxe pediu por segunda vez e amasou un pequena presa de fariña levedada…que no forno fíxose unha inmensa e competente bola, que  tampouco lle quixo dar… panadeiro amasou outra nova e máis pequecha presa e repetiuse o feito….a bola saíu maior … Finalmente o avarento panadeiro determinou despedir á santa visita dándolle un definitivo non . Sigue contando a lensa que a Virxe e o Neno perderon a súa santa misericordia e pronunciou aquelas palabras que tanto temos escoitado nos tempos dos contos a de “Lago te sulago o denriba para embago”… e a aldea co panadeiro e a súa clientela,  igrexa, eira e casas incluídas, viraron o “ de arriba para abaixo” e foron cubertas pola auga. Din algúns que aquela aldea se chamaba Antioquía, o que concorda con outras lendas similares asociadas a lagoas de Galiza nas que se pon asolagada a cidade de Valeverde ou Lucerna…Tan similares ás lendas dos países celtas.

 Fábula en relación con moitas outras clásicas  referidas aos vicios, aos desaforados avarentos que buscan unha riqueza que rompe saco: ao fin e ao cabo o  puzo inundado  foi resultado da ansia de furar nas entrañas da terra na busca do ouro  pra botarse todo a perder.

Minas que nos anos sesenta estiveron nas miras dunha nova explotación, nesta ocasión polo empresario ourensán Eduardo Barreiros, así como por unha compañía que deu orixe a poderosa empresa asturiana Orovalle que comparte intereses con fondos canadianos. Emporio do Puzo do Lago merecente de toda protección paisaxística, arqueolóxica, compatible con moitas outras actuacións que non tenten contra u recurso cultural e fondamente literario.

Máxica noite de San Xoán na que por aquí se recomendaba coller nas  beiras do lago, a carón de pardiñeiros e fontes antigas os estraloques , o  bieiteiro, así como a flor a auga do lago, inmellorables pra, despois das lumaradas , lavarse coa natureza na mañanciña do santo  entoleirado dos bautismos: interacción paisaxe -paisanaxe, purificación de humus, de humanismo, pois ao fin e ao cabo somos iso, HUMUS: Terra, Auga, Aire , Lume, Catro Elementos,  entre pasados, presentes e futuros.

———————————————————————————————————-

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño