Ningún ingresado por covid na área sanitaria de Ourense Verín e o Barco de Valdeorras

  • Os dous últimos pacientes foron dados de alta onte no Hospital Universitario de Ourense
  • O máximo número de ingresos produciuse o 7 de abril cun total de 195 doentes ingresados en planta, 21 en UCI e 782 a domicilio
  • Ourense rexistra aínda 34 casos activos de Covid que permanecen a domicilio a seguemento polo persoal de atención primaria e a unidade de coordinación hospitalaria

Tras mais de tres meses de loita contra a Pandemia, por vez primeira, ningún dos tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras teñen pacientes ingresados por COVID-10, nunha intensa loita que acadou seu punto crítico o 7 de abril cun total de 216 pacientes hospitalizados, 195 en planta e 21 en UCI, mais 782 a domicilio.

O primeiro paciente con diagnóstico de Covid ingresou no Hospital Universitario de Ourense o 8 de marzo, dando inicio a unha escalada que non deixaría de crecer ata o 7 de abril, pasando de dous ingresos o 15 de marzo a 17, en tan só unha semana, un deles xa na UCI.

AVANTAR ACTIVIDADES

O número de ingresos medraba a un ritmo diario mentres, en paralelo os hospitais adaptaban o seu funcionamento á nova realidade, traballando en espello con accesos e plantas diferenciadas, en función do diagnóstico confirmado, sospeita Covid e o resto de patoloxías. A UCI triplicaba a súa capacidade de ingreso e os servizos médicos, encabezados por Medicina Interna, Urxencias, Pneumoloxía, Enfermidades Infecciosas e Medicina Intensiva, integraban a súa resposta da man dos servizos centrais de Farmacia, Radioloxía, Microbioloxía, Anestesia e Preventiva, mantendo os servizos cirúrxicos a cirurxía urxente e a de prioridade 1.

Despois de semanas de incertidume para “dobrar a curva” o punto crítico chegou rondando a Semana Santa -chegaron a adicarse exclusivamente a Covid ata seis unidades de hospitalización en Ourense e dúas unidades en cada un dos comarcais– mentres os doentes a domicilio, seguidos desde Atención Primaria en colaboración co ESCAH (Equipo de Soporte Coordinación de Atención Hospitalaria) superaron os mil casos en toda a provincia.

Por hospitais, o de Ourense acadou seu cumio o 7 de abril, con 165 pacientes en planta e 21 en UCI. Ao día seguinte, o 8 de abril, foi o de Verín o que chegou ao seu máximo, con 10 ingresos, e pouco despois, o 17 de abril, o de Valdeorras, con 21. Neste mesmo período a UCI acadou tamén seu punto crítico con 23 ingresos confirmados.

En paralelo, poñíanse en marcha as unidades residenciais medicalizadas, para atender aos pacientes de residencias ou de idades avanzadas que, si ben non requerían dun ingreso hospitalario, si precisaban dunha vixilancia e coidado comparable a unha convalecencia a domicilio. Así ábrese o 24 de marzo a Unidade Residencial de Os Miragres, seguida o 12 de abril dunha das prantas de Piñor, grazas ao traslado en días previos da Unidade de Rehabilitación Psiquiátrica. Ambas funcionarían como unidades de hospitalización do propio Universitario de Ourense.

Neste intenso periodo o persoal da sanidade pública de Ourense deu o mellor de si. Desde os Centros de Saúde, co seguemento continuado tanto dos pacientes positivos, mantendo unha estrita vixilancia de indicios de empeoramento que fixesen preciso un ingreso, como no seguemento proactivo de pacientes maiores, crónicos ou fráxiles, para detectar calquera signo sospeitoso ou empeoramento da saúde.

Polos tres hospitais pasaron, nestes tres meses, máis de cincocentos pacientes, a maior parte polo Universitario de Ourense, mais de sesenta en Valdeorras e trinta en Verín. A falta de afondar nos datos recollidos ao longo destes meses, máis polo miudo, a maioría dos ingresos foron homes, o que coincide con diversos estudos, que apuntan a un maior risco de complicacións graves entre eles, pese a que, en Ourense, a enfermidade afectou mais extensamente as mulleres, o que tamén se podería relacionar coa maior porcentaxe de femias entre os grupos de maior idade.

Desde a dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras deséxase facer público o seu agradecemento e orgullo pola calidade humana e profesional dos equipos de persoal, que traballaron como un só, compoñendo unha primeira liña formada por multitude de profesionais das diferentes disciplinas, médica e facultativa, de enfermería, TCAEs, celadores, PSXs, persoal técnico, de limpeza, de mantemento, de loxística, de recursos materiais, de compras, de recursos humanos… e por suposto á cidadanía que, co seu comportamento cívico, propiciou que o virus deixase de alimentar a curva. Moitas grazas e parabéns a tod@s.