Deputados e senadores do PP acusan o subdelegado do Goberno de antepoñer intereses partidistas do PSOE de Ourense para castigar á provincia

• Anuncian a presentación tanto no Congreso como no Senado dunha auditoría sobre “a actividade arbitraria e sectaria do subdelegado e do señor Villarino”, pedindo a este último que “saque as súas mans deste organismo”.

AUDIO Clic na Imaxe

• Esta estratexia “destrutiva” do subdelegado do Goberno e do secretario provincial do PSOE “non é ir contra o Partido Popular ou contra a Deputación, é ir directamente contra os 9.811 autónomos da provincia que tiveron que pechar por culpa da pandemia e que agora que queren recuperar a súa actividade asisten a un basto intento de ilegalizar as axudas da Deputación de Ourense”.

Publicidade Premer na Imaxe

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, “puxo a subdelegación ao dispor do PSOE e do seu secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, antepoñendo en cada decisión os seus intereses partidistas para castigar aos autónomos, aos pequenos e medianos empresarios e ás familias”, denunciaron hoxe os deputados e senadores do Partido Popular de Ourense durante unha comparecencia #ante os medios de comunicación, na que anunciaron a presentación tanto no Congreso como no Senado de unha auditoría sobre “a actividade arbitraria, sectaria e partidista do subdelegado e do señor Villarino”, pedindo a este último que “saque as súas mans deste organismo”.

A deputada Ana Vázquez, quen estaba acompañada por todos os parlamentarios ourensáns -o deputado Celso Delgado e os senadores Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Jesús Vázquez-, mostrou a súa perplexidade polas manobras de Rodríguez Villarino e do subdelegado do Goberno para utilizar o “órgano de representación único do Goberno na provincia” en beneficio dos seus exclusivos intereses partidarios”.

Como é posible que o PSOE de Ourense poñan trabas ás axudas da Deputación –preguntouse a deputada- poñendo en risco a recuperación da actividade económica de autónomos e pequenos empresarios da provincia, cando outras administracións gobernadas polos socialistas como os concellos da Coruña ou Lugo puxeron en marcha axudas similares. Aínda máis, denunciou, “pois na Deputación de Ourense non votan a favor dos autónomos, tampouco no concello de Ourense e despois nos concellos onde non gobernan presentan mocións para que axuden aos autónomos”.

Ninguén entende que se cuestionen este tipo de axudas, engadiu, “cando de 19 decretos que se aprobaron no Congreso, o PP votou a favor de 14, todos de carácter económico porque non era o momento de cuestionar, senón de apoiar veñan de onde veñan as iniciativas”.

Esta estratexia “destrutiva” do subdelegado do Goberno e do señor Villarino, acusou Ana Vázquez, “non é ir contra o Partido Popular ou contra a Deputación, é ir directamente contra os 9.811 autónomos da provincia que tiveron que pechar por culpa da pandemia e que agora que queren recuperar a súa actividade asisten a un basto intento de ilegalizar as axudas da Deputación de Ourense”.

E non é a primeira vez, advertiu, que ambos deixan de lado a Ourense, lembrando “as continuas inspeccións ordenadas no centro loxístico do Paco Paz; a repartición arbitraria de material de protección con todo tipo de propaganda nas redes; a ausencia dun órgano de seguimento da pandemia con representación de todas as administracións como mando único, como si fixeron moitas outras subdelegacións; discriminando a boa parte dos produtores de pataca da Limia ao consentir que só se beneficiasen de bonificacións fiscais os produtores de Xinzo e Sandiás; excluíndo das devanditas bonificacións ao sector do viño ás denominacións de orixe de Ourense e toda Galicia; sen responder as peticións de información sobre protocolos de reapertura no comercio; ou onte mesmo, vendo como se abren tres pasos fronteirizos máis en Galicia, pero ningún en Ourense”.

“Ao señor Villarino non lle gustan as máscaras, gústanlle máis as mordazas e por iso denúnciannos”, criticou Vázquez, engadindo que “un subdelegado así, baixo a batuta de Villarino, non pode continuar no seu posto nin un minuto máis”.

INICIATIVAS NO CONGRESO E O SENADO PARA PEDIR EXPLICACIÓNS E DOCUMENTOS.

Ante todos estes feitos, os representantes populares no Congreso e no Senado presentarán un total de 16 iniciativas para auditar “a actividade arbitraria, sectaria e partidista do subdelegado e do señor Villarino”.

Así, pedirán explicacións sobre as razóns polas que o subdelegado abriu expedientes de revisión da legalidade sobre as axudas da Deputación, os criterios seguidos para a repartición de material nos concellos de Ourense, por que se fixeron inspeccións no centro loxístico do Paco Paz, porque non se creou un mando único de todas as administracións en Ourense e por que se obviaron en todo momento as demandas dos sectores económicos e sociais da provincia.

Tamén pedirán copia do expediente completo de revisión da legalidade das axudas para coñecer quen ordenou esta inspección, informes, cartas, correspondencia e documentos con entrada e saída na Subdelegación desde que se decretou o estado de alarma, tamén sobre a repartición de material, e as actas e informes sobre inspeccións a empresas e administracións