¿ Que é Xirandela ?

A Asociación Cultural Xirandela nace na Comunidade de Madrid no ano 2011 e desenvolve a súa actividade docente en Madrid, pero sempre coa mirada e o corazón en Galicia

O obxectivo da Asociación Cultural Xirandela é transmitir e difundir a cultura tradicional galega en todos os eidos (baile, música, patrimonio oral, xogos…), dignificándoa e facéndoa accesible a todas as persoas, evitando que caia no esquecemento e recuperándoa como a oportunidade de lecer e convivencia que sempre foi no seu lugar de orixe. En Madrid tamén se pode gozar do patrimonio cultural galego!

AVANTAR ACTIVIDADES

Alén da tradición, outro dos piares fundamentais da Asociación Cultural Xirandela é o ensino de calidade. Todos os nosos profesores son artistas recoñecidos, en Galicia e fóra da terra, en cadanseu eido. Algúns deles desprázanse dende Galicia deica Madrid só para impartiren clase na nosa asociación. É unha honra para nós contarmos con tal apoio. Grazas a eles, somos quen de poñer ao dispor dos nosos asociados unha oferta didáctica verdadeiramente excepcional.

Moitos dos nosos asociados son galegos de orixe, ben por nacemento ou ben por ascendencia. Moitos outros non teñen máis relación con Galicia ca o interese compartido pola cultura e a tradición. Tal diversidade de procedencias enriquécenos. Recibimos cos brazos abertos calquera que comparta o noso entusiasmo e interese pola cultura galega.

O grupo Xirandela, formado polos membros máis activos da Asociación, ten participado nestes últimos anos en diversos festivais e actuacións en varios puntos da xeografía do noso país. Salientamos, entre outros:

  • Especial Día das Letras Galegas, programa Luar de la Televisión de Galicia, 2013.
  • Festas de Cernadilla (Zamora), 2013.
  • Concierto peche de curso da Casa de Velázquez, Madrid, 2014
  • Festival Paparandafolk (Íllora, Granada), 2015
  • Artistas invitados no concerto do grupo Milladoiro en Leganés, 2015
  • Artistas invitados no concerto de Carlos Núñez no Teatro Price de Madrid, 2017.
  • Celebración do Día das Letras Galegas, Escuela Oficial de Idiomas de Madrid, 2017.
  • Celebración do Día de los Museos, Museo de la Ciudad de Torrejón de Ardoz, 2017.
  • Festival tradicional Foliagra e Cantos de Taberna, A Coruña, 2017.
  • Foliada da Fonsagrada, 2017.
  • II Euskofoliada Barakaldo, 2018. Gañadores do Concurso de Cantos de Taberna.
  • 49 Edición Festival Interceltique Lorient 2019, année de la Galice. Grupo de baile convidado no espectáculo ” Os camiños de Breogán.

A Asociación Cultural Xirandela puxose en contacto con Badal Novas e mandounos o seguinte escrito:

Así comezou o noso plan B. Porque en Xirandela sempre temos un plan B. Durante meses, a xunta directiva de Xirandela, en colaboración cos mestres das diferentes clases, organizou unha viaxe cultural para todos os socios e socias que esperabamos con gran ilusión. Ante a situación actual provocada pola crise do Coronavirus, preparamos un plan alternativo para seguir facendo o que máis nos gusta: cantar, bailar, tocar, aprender e gozar todos xuntos. Aínda que desta vez cada un na súa casa. A familia Xirandela ó completo participou sen pensalo nesta iniciativa. 

A fin de semana que planearamos tiña unha axenda do máis variada: descubrir Piornedo da man dos seus habitantes, aprender sobre a música e o baile nos Ancares, percorrer camiñando toda a contorna ou visitar o museo-palloza. Así que recreamos todas estas actividades e convertimos a fin de semana nunha viaxe virtual a Piornedo.

En directo para toda a comunidade, lanzamos unha actividade que foi seguida por máis de 1400 persoas.

Grazas ó Servizo de audiovisuais da deputación de Lugo entramos de cheo nas pallozas de Piornedo, na vida dos habitantes da zona e comprendimos un pouco máis como é o seu día a día. Xa metidos en ambiente, Xulia Feixoo, a nosa mestra de percusión en Xirandela, impartiu un obradoiro para aprender novos ritmos co tambor, baseados nos toques que tradicionalmente facían as mulleres de Piornedo coa pandeira. Tras a música, chegou o baile con Xabier Iglesias. Non hai mellor coñecedor dos puntos da comarca e das peculiaridades do baile nos Ancares. Por suposto, non podía faltar neste evento para transportarnos de cheo a Piornedo, Rafa Carracedo, mestre de gaita na asociación. Rafa sorprendeunos cunha muiñeira do repertorio de Hermenegildo. Desta vez, con gaita irlandesa, xa que o de tocar con gaita galega en Madrid nestes días de confinamento, non está de todo ben visto polos veciños. Grazas a Tito Iglesias, o noso mestre de canto e pandeireta, puidemos alucinar co toque de pandeira en Tejedo de Ancares. Quen nos dera a nós ter esa enerxía e forza para tocar as recollas con ese dominio durante horas! Está claro que hai que seguir practicando. Para que o corpo non enfriara, continuamos bailando con Serxio Cobos (mestre de baile en Xirandela) e Mercedes Prieto. Con música de Manuel López, o gaiteiro de Poso, mostráronos o ben que se pode bailar incluso en pantuflas. Nestes días nos que as familias teñen que tirar de creatividade para que os máis pequenos non se aburran, dende Xirandela quixemos aportar outra nova idea para que, ademáis de divertirse, aprendan algo novo. Vero, Nahir e Iris ensináronos como podemos construir unha palloza tradicional e como vivía a xente dentro delas. Unhas auténticas artistas! E como toda boa festa, rematamos con foliada. Neste caso Xulia e Guillerme Ignacio, de arredor da tradición, foron os encargados de tocar unha moliñeira do repertorio de Poso. Máis de media hora de música, baile e anécdotas compartidas. 

DCIM

Viaxaremos a Piornedo en canto poidamos, iso seguro, pero mentres tanto, en Xirandela intentamos manter a nosas actividades da mellor forma que podemos. Para que todo o mundo puidera gozar desta experiencia, deixámosvos o vídeo completo no noso Facebook para revivilo tantas veces como queirades.

Nas últimas semanas probamos formatos diferentes para seguir ensaiando e aprendendo: os mestres envían vídeos coas novas prácticas e os alumnos envían os seus “deberes de volta”. E mesmo facemos clases virtuais en directo para bailar todos xuntos aínda que físicamente separados. O obxectivo da asociación cultural Xirandela continúa a ser o mesmo incluso nesta situación: transmitir e difundir a cultura tradicional galega en todos os seus ámbitos (baile, música, patrimonio oral, xogos…). Dignificándoa e facéndoa accesible a todas as persoas, evitando que caia no esquecemento e recuperándoa como a oportunidade de lecer e convivencia que sempre foi no seu lugar de orixe. Desde Madrid, tamén se pode gozar do patrimonio cultural galego!