Deputación e Abanca renovan a súa alianza no desenvolvemento do programa ChegOU, para o fomento da natalidade na provincia

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente provincial asinou co director territorial da entidade financeira o marco anual de colaboración. Manuel Baltar remarca o carácter “innovador” deste programa activado en 2014 entre as deputacións galegas e agradeceu a implicación de Abanca 

Deputación, Abanca e o Concello de Pereiro de Aguiar tamén asinaron esta mañá un acordo para axilizar o programa municipal Benvido ó Pereiro 

OZOCOgz Deseño Galego

A Deputación e Abanca renovaron o convenio para o desenvolvemento en 2022 do programa ChegOU, enfocado ao fomento da natalidade na provincia de Ourense. O presidente provincial, Manuel Baltar, e o director territorial da entidade financeira en Ourense, Rubén Saavedra, firmaron esta mañá no Pazo Provincial o acordo de colaboración. “Foi no 2014 cando este goberno provincial implementou o plan de axudas para a natalidade. E en Abanca descansa a tramitación deste procedemento, que no ano 2021 beneficiou a 1.135 familias ourensáns constituíndo, aínda a día de hoxe, un programa innovador dentro das catro deputacións galegas”, sinalou Manuel Baltar tras asinar o acordo para a instrumentalización da axuda económica para as familias que no ano 2022 teñan un fillo ou adopten/tutelen un neno. 

A Deputación reservou para este ano 300.000 euros para o fomento da natalidade. As axudas increméntanse en función da situación demográfica do concello de residencia, cun máximo de 500 euros por neno. Esta axuda farase efectiva a través dunha tarxeta prepago para utilizar durante o ano 2022 e ata o 31 de maio de 2023. Manuel Baltar destacou a cooperación de Abanca neste programa: “Agradezo a súa implicación e o modo de xestionar deste procedemento, que que fai moi doado tramitalo por parte das veciñas e veciños de Ourense”. O presidente provincial remarcou como este plan encaixa na estratexia do goberno provincial, “unha dinámica que tamén conta con outras accións da Deputación, como EmprendOU, que se sitúan dentro da órbita das políticas do reto demográfico”. 

Pola súa banca, o director territorial de Abanca en Ourense salientou que este acordo é un “exemplo do compromiso de Abanca con Ourense e da colaboración estable que mantemos coa Deputación en prol do desenvolvemento socioeconómico desta provincia”. “Neste caso, poñemos a disposición dos ourensáns a nosa capacidade técnica en medios de pago e a capilaridade da nosa presenza neste territorio, onde temos unha cuota de oficinas superior ao 52% e unha extensa rede de caixeiros”, subliñou Rubén Saavedra. 

Esta tarxeta prepago só poderá ser utilizada en farmacias e parafarmacias, para adquirir produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde vencellados ao neno. Xestionada directamente pola Área de Benestar da Deputación a súa tramitación é áxil. A activación é individual, e será a persoa beneficiaria quen a solicitará, preferentemente mediante o envío dun SMS de activación desde o móbil asociado á súa tarxeta. O usuario poderá coñecer o seu saldo na rede de caixeiros de Abanca, na boleta dun TPV onde se realizara unha operación ou na web damemisaldo.com 

Cooperación co Concello de Pereiro para o programa municipal Benvido ao Pereiro 

En paralelo, Deputación de Ourense, Abanca e Concello de Pereiro firmaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento da tarxeta municipal Benvido ó Pereiro. Este programa outorga 250 euros a cada neno nacido -ou adoptado/tutelado- entre os 0 e os 3 anos, e agora beneficiarase dunha xestión “máis áxil e efectiva”, segundo explica o propio Luis Menor, ao contar co impulso do goberno provincial e a entidade financeira. O programa farase efectivo a través dunha tarxeta prepago para utilizar ata o 30 de xuño de 2022.  

Manuel Baltar, Rubén Saavedra e o alcalde do municipio, Luis Menor, asinaron o acordo para a instrumentalización da axuda económica para as familias residentes no Pereiro de Aguiar que nos anos 2019, 2020 e 2021 teñan un fillo ou adopten ou tutelen un neno. “Esta tarxeta foi implantada no ano 2020. E continuou no 2021 con carácter de permanencia xa definida. É compatible con calqueira outra axuda da Deputación de Ourense, que agora nos acolle dentro do seu programa facilitando a mecánica do programa, como da propia Xunta”, sinala Luis Menor.  

A Deputación colaborará co Concello para axilizar os trámites administrativos neste programa, que conta con 111 solicitudes aceptadas entre os exercicios 2020 e 2021 -con máis de 28.000 euros invertidos-. Menor resalta a importancia deste plan: “O éxito da tarxeta é moi importante, é un esforzo clave do Concello. E únese á senda de axudas as familias, como a Aula Concilia -gratis para os nenos do concello- ou as axudas a familias numerosas ou as destinadas para o material escolar ou informático”.