Noa Presas aposta por incorporar as escolas infantís no sistema educativo público

A candidata propón mellorar a carteira de servizos públicos e engadir unha Bolsa pública de canguraxe para axudar á conciliación familiar.

Publicidade

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro coas traballadoras das escolas infantís para coñecer as súas necesidades e as inquedanzas xeradas a redor da COVI-19. Presas comprometeuse a aumentar as prazas das escolas e traballar na súa incorporación ao sistema educativo público tras 11 anos de políticas de demolición do PP á fronte da Xunta de Galiza. A candidata lembrou que o BNG ten o compromiso de mellorar as condicións laborais das traballadoras do sector, así como mellorar a carteira de servizos públicos incorporando unha bolsa pública de canguraxe.

Durante a xuntanza, as traballadoras e traballadores das escolas infantís deron a coñecer a situación pola que atravesan a día de hoxe, xa non só pola situación xurdida polo coronavirus senón a política de abandono e destrución que promoveu a Xunta de Galiza nestes anos. Presas lembrou que Feijóo non abriu nin unha soa escola infantil financiada con fondos públicos, sendo incapaz de continuar aquelas que o goberno anterior proxectara. Asemade, lembrou que o ano pasado nas listas de agarda das escolas infantís, ficaron máis de 300 crianzas pendentes de praza.

A día de hoxe o sistema público cobre menos de 1.200 prazas, o 17% da poboación en idade de acudir a unha escola infantil. Neste contexto, para a formación nacionalista é fundamental “que haxa escolas gratuítas para o 100% da poboación de forma que os máis de 7.000 crianzas de entre 0 e 3 anos de Ourense teñan no sistema público unha opción e este sexa un aliciente para que as familias fixen poboación”.