Medio Ambiente prevé que as obras de humanización da rúa Cristóbal Colón, en Boborás, estarán rematadas este verán

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • A conselleira Ángeles Vázquez visitou hoxe o concello ourensán para coñecer o estado dos traballos, que actualmente están executados xa nun 60% e servirán para acondicionar o principal viario municipal, no que se localizan a Casa do Concello e o centro de saúde, entre outros servizos
  • A intervención enmárcase dentro do Plan Hurbe, un programa autonómico que no período 2010-2018 permitiulle á Xunta participar con 125 municipios na execución de 200 proxectos urbanísticos, aos que se sumaron 90 máis o ano pasado

A colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Boborás permitirá completar este mesmo verán a humanización e acondicionamento da rúa Cristóbal Colón, a principal arteria da vila ourensá. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou a zona obxecto da actuación acompañada pola alcaldesa, Ana Patricia Torres.

AUDIO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os traballos en execución están cofinanciados por Xunta e Concello nun 70% e 30%, respectivamente, e foron adxudicados por case 240.000 euros. As obras inclúen o levantamento do firme de rego asfáltico, sumidoiros e arquetas do tramo, a apertura de gabias para a canalización de redes de alumeado público, electricidade, telecomunicacións e rede de pluviais e a renovación da canalización de recollida de augas pluviais, así como o soterramento das liñas de electricidade e de telefonía e, finalmente, a instalación dun novo pavimento. O prazo de execución é de oito meses polo que tendo en conta o seu estado –cun 60% dos traballos feitos- prevese que estea rematada este mesmo verán.

Durante a súa visita, Ángeles Vázquez subliñou que a materialización de proxectos urbanísticos como este contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños e a dinamizar certas zonas. Neste sentido, lembrou que os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como elemento de integración para o desenvolvemento social e cultural, ao tempo que son elementos estruturais da contorna urbana.

De feito, os traballos que visitou esta mañá a conselleira buscan unha mellora integral da principal rúa do municipio, na que están situados algúns dos servizos indispensables para a veciñanza, como son o centro de saúde, a farmacia ou a propia Casa do Concello. Pero ademais, a transcendencia da intervención na rúa Cristóbal Colón reside tamén en que permitirá recuperar unha parte do núcleo tradicional de Boborás.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019

A obra que se está a acometer nestes momentos no Concello de Boborás enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Xunta para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a esta iniciativa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios galegos; e o ano pasado asumíronse preto de 90 novos compromisos de colaboración ao abeiro deste mesmo programa.

De feito, o Concello de Boborás foi unha das entidades locais beneficiadas polo Plan Hurbe xa que ademais da actuación que se está a levar a cabo nestes momentos na rúa Cristóbal Colón, cómpre lembrar que xa no ano 2011 se executou a adecuación de espazos públicos en Pazos de Arenteiro e dous anos despois, o ensanche e mellora de acceso ao cemiterio localizado nese mesmo lugar.

Con este tipo de intervencións, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades como parte da identidade de Galicia, establecendo lazos de colaboración cos municipios en proxectos que buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas. Así mesmo, tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos públicos a disposición da veciñanza.