A Xunta asesora a preto de vinte concellos ourensáns na aplicación de directrices da paisaxe

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou esta mañá a 18 concellos da provincia de Ourense a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Publicidade

Así llo trasladou a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Cualedro, Baños de Molgas, A Gudiña, Vilar de Barrio, A Mezquita, Laza, Vilariño de Conso, Sarreaus, Castrelo do Val, Xinzo de Limia, Trasmiras, Os Blancos, Baltar, Monterrei, Oímbra, Verín, Vilardevós e Riós no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no Centro de Interpretación dos Castros, en Cualedro.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva catro meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel municipal o contido e finalidade das Directrices. Neste sentido, Francisco Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta pon en valor este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.