Ribadavia recibe un grupo internacional de voluntariado que colaborará na preparación da ‘Festa da Istoria’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia recibiu na mañá deste martes ás persoas participantes no Campo de Voluntariado Cultural e Teatral “Viaxe pola Istoria”, unha iniciativa financiada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e organizada pola empresa Sustinea en colaboración coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ribadavia.

O acto de recepción institucional celebrouse na Casa do Concello e estivo presidido polo alcalde, César Fernández, acompañado por membros do goberno municipal, que deron a benvida ao grupo de voluntariado que durante estes días participará nun programa que combina patrimonio, cultura, convivencia e participación xuvenil.

O campo, que comezou o pasado 1 de agosto e se desenvolverá ata o vindeiro 12 de agosto, presenta nesta edición unha importante novidade ao adquirir por primeira vez carácter internacional. O grupo está formado por 15 mozos e mozas, dos cales tan só tres son galegos, converténdose nunha experiencia marcada pola diversidade cultural.

Entre os participantes hai persoas procedentes de distintos puntos de España, como Sevilla, Valencia ou Cáceres, así como voluntariado chegado doutros países europeos, cunha participante italiana e dous participantes franceses. A dimensión internacional complétase coa presenza dunha moza procedente de México, favorecendo así un enriquecedor intercambio cultural entre persoas de diferentes orixes.

Ao longo da súa estancia en Ribadavia, colaborarán na preparación da Festa da Istoria, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, implicándose en diferentes tarefas relacionadas coa recuperación de oficios tradicionais, a posta en valor do patrimonio histórico e cultural da vila e a dinamización dun dos acontecementos máis representativos do municipio.

A concelleira de Xuventude, Regina Bahamonde, amosou a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter esta nova edición e destacou o valor que achega ao municipio a presenza dun grupo tan diverso. “Estamos moi contentos de recibir en Ribadavia un grupo tan multicultural e internacional. Levan moi pouco tempo entre nós, pero xa nos transmitiron o ben que se están atopando na vila, e estamos convencidos de que estes días acabarán por namorarse de Ribadavia, da súa historia e da súa xente. Ademais, é moi enriquecedor que mozos e mozas de procedencias tan diferentes poidan mergullarse de cheo na nosa cultura, coñecer as nosas tradicións e formar parte da preparación da Festa da Istoria, vivíndoa desde dentro”.

Actividades abertas á veciñanza

Outra das novidades desta edición é a incorporación dunha programación aberta á cidadanía para compartir a experiencia do campo coa veciñanza.

Así, o sábado 8 de agosto, ás 19.00 horas, celebrarase o xogo de rol en vivo “Ribadavia, 1487: O Escudo Borrado”, unha experiencia de aventura e investigación ambientada no século XV na que participantes e voluntariado deberán resolver distintos enigmas inspirados na historia da vila asumindo o papel das diferentes faccións da época. A organización recomenda acudir con vestiario de inspiración medieval. A inscrición require unha fianza de cinco euros por persoa, que será devolta integramente o día da actividade.

Pola súa banda, o luns 10 de agosto, ás 17.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a actividade “Cine na Rúa e Activismo Rural”, organizada en colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia. Durante a sesión proxectaranse varias curtametraxes de temática social que servirán como punto de partida para un coloquio sobre o activismo no medio rural e os retos globais da sociedade actual.

As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico omix.ribadavia@gmail.com ou mediante a conta de Instagram @omixribadavia.

Desde o Concello de Ribadavia salientan que este campo de voluntariado constitúe unha oportunidade para seguir fortalecendo o compromiso da mocidade coa conservación do patrimonio, promover valores de participación e cooperación e continuar proxectando Ribadavia como un referente cultural e xuvenil tamén no ámbito internacional.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------