A Subdelegación do Goberno en Ourense informa dos avances na dotación do Complexo Cultural de San Francisco co inicio formal do procedemento de licitación do equipamento expositivo da nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio desta contratación, responsabilidade da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura (Ministerio de Cultura e Deporte), para a que destina un orzamento total de 217.675,93 euros e un prazo de execución de catro meses. As ofertas poderán presentarse ata o próximo 15 de xullo.
Os espazos obxecto desta licitación son a sala capitular do convento de San Francisco, e o antigo refectorio, que se dedican agora a usos expositivos no proxecto de rehabilitación do convento como nova sede do Arquivo Histórico Provincial.
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, na súa dobre vertente de arquivo histórico e intermedio, custodia fondos de moi diversa procedencia, constituíndo unha fonte especialmente relevante para o estudo da historia desde o século XII ata os nosos días. Entre os máis de 4.000 metros lineais de documentación que garda, destaca a riqueza dos fondos medievais, con testemuños documentais que se remontan ao século X, o cal o converte nunha singularidade no Estado Español respecto ao conxunto de arquivos históricos provinciais.