O BNG reclamará de novo a apertura dos parques infantís

O BNG do Carballiño denuncia a falta de sensibilidade do concello cara o ocio infantil, ao manter pechados os parques infantís inxustificadamente, e sen dar ningunha explicación por isto. Garcia, concelleira do BNG afirmaba así “cando as nenas e nenos da nosa vila poden estar en terrazas, cafeterías e distintos espazos públicos pero non en lugares adaptados para eles podemos considerar que as nosas crianzas son das máis esquecidas nesta pandemia”

Os parques infantis do Carballiño permanecen pechados desde que se dictou o estado de Alarma no mes de marzo.  A persar de que o estado de alarma rematou e a Xunta de Galiza estableceu hai máis dun mes un protocolo para a reapertura de parques infantís, a primeira vila da provincia de Ourense é a única que manten todos os seus parques infantís clausurados, sen posibilidade algunha de que poidan acceder nenos e nenas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O protocolo da Xunta de Galiza emitido xa en xuño establece como principais medidas para a apertura manter un aforo controlado, e medidas hixiénico sanitarias, como a desinfección periódica, entre outras medidas hixiénicas. Porén o concelleiro de seguranza afirmaba en xuño ” iso non se pode facer dun día para outro, pois a seguridade está por enriba de todo” o alcalde, Francisco Fumega, afirmaba que o primeiro fin de semana de xullo os parques infantís estarían abertos.

Despois dun mes seguimos sen saber canto tempo vai precisar o goberno municipal para acometer unhas medidas que vilas máis pequenas e cidades puideron abordar hai máis dun mes. “Desde o BNG queremos manifestar a nosa disconformidade coa inacción e o desleixo do goberno municipal, que só se pode explicar polo desinterese das necesidades da veciñas máis cativas do Carballiño” manifestou Sofia García voceira do grupo municipal do BNG que levará unha moción ao próximo pleno para demandar a apertura inmediata dos parques infantís adaptada aos protocolos xa establecidos polas administracións de rango superior.