O BNG aposta por gañar en autogoberno para garantir os dereitos da clase traballadora

Noa Presas: “Nin Feijóo, nin Sánchez nin Díaz atenderon as denuncias das traballadoras nas obras do AVE”

Publicidade

AUDIO NOA PRESAS

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, reivindicou a posta en marcha dun Plan Galego contra a sinistralidade laboral que fomente a formación en prevención e o control dos sectores que teñen un alto número de accidentes. Asemade, comprometeuse a que, a partir do 12X, a formación nacionalista reclamará a transferencia definitiva da inspección laboral co obxectivo de reforzar a actuación galega en materia de saúde laboral.

Presas, acompañada por simpatizantes e militantes da organización, acudiu ao acto convocado pola Confederación Intersindical Galega (CiG) en fronte á estación de tren de Ourense. Desde o BNG quixeron amosar o apoio a esta mobilización contra a explotación nas obras que se están levando a cabo polo AVE e lamentaron que, meses despois de estar rexistrada a denuncia en inspección de traballo e ter trasladado o tema ao Parlamento Galego e ao Congreso, nin a Xunta de Galiza “nin Sánchez nin a Ministra Díaz” teñan dito nada ao respecto.

“Estamos falando dunha situación moi grave, esta obra é pública pagada con diñeiro público e non se pode consentir que se escravice e explote aos traballadores” comezou explicando Presas. Asemade, sinalou que o BNG ten un compromiso claro coa defensa dos dereitos laborais e socias da clase traballadora. “Pediremos unha investigación sobre as condicións laborais nas que se produciron estes accidentes e asegurarémonos de que se cumpre a normativa de seguridade laboral” adiantou a cabeza de lista do BNG.

Durante a súa intervención, Noa Presas asumiu o compromiso de elaborar un Plan Galego de sinistralidade laboral “que fomente a formación en prevención e o control dos sectores que teñen un alto número de accidentes”. No que vai de 2020, segundo os datos achegados e malia o impacto da redución da actividade laboral, en Galiza cóntase co maior índice de incidencia de accidentes laborais mortais de todo o Estado. A cabeza de lista indicou que, se en todo o Estado o dato é dun 3,08%, na Galiza alcanza o 5,46%: “isto significa que unha traballadora galega ten o dobre de posibilidades de morrer no seu posto de traballo que no conxunto do Estado”.

“Reclamaremos tamén a transferencia definitiva da inspección laboral para poder exercer as competencias que xa temos en materia de saúde laboral e reforzar a actuación” comprometeuse a candidata do BNG.O obxectivo desta proposta é promover tamén o emprego estábel e con dereitos para a clase traballadora.