A desaparición de liñas afecta a Valdeorras, O Ribeiro, O Carballiño e á propia cidade dando conta do pouco que importa esta provincia ao goberno.

Suma e segue. O desmantelamento ao que está a someter RENFE ás liñas ferroviarias da provincia de Ourense semella que non terá parada ata a desaparición total.

Nos últimos días asistimos estupefactos a un novo recurte de trens de ata case o 50 % dos posibles nalgúns casos, definida nos medios de comunicación como “a máis grave dende a Guerra Civil”.

Comunicacións con Madrid, Vigo ou Barcelona reciben un novo machetazo por parte dun goberno socialista e dos seus socios que “Se son capaces de facer esto aos ourensáns en plena campaña, que non farán despois”, afirmou Francisco Fraga, candidato da coalición Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes ás eleccións do vindeiro 12 de xullo.

Estacións coma a de Ribadavia, a do Carballiño ou as da Rúa e O Barco verán minguadas unha vez máis as súas rutas e son empurradas deste xeito un paso máis cara ao esmorecemento ao que semellan telas condenadas os irresponsables xestores que nos gobernan.

Fraga demanda que se repoñan os servizos suprimidos e que se deixe de tratar a esta provincia co desprezo que se está a facer.

“Xa está ben de que os do PSOE e os seus socios, nas súas declaracións, se farten de dicir que defenden os servizos públicos e o rural e coas súas accións de goberno executen todo o contrario. Ourense non pode consentir nin unha aldraxe máis” afirmou Fraga.