O delegado territorial da Xunta en Ourense visita as obras do Plan de infraestruturas rurais no concello de Esgos

Gabriel Alén desprazouse ao camiño de acceso ao núcleo rural de Gomariz, no que están proxectadas unha serie de actuacións de alargamento e mellora da capa de rodaxe, nas que a Consellería do Medio Rural -a través do Plan de Infraestruturas Rurais- vai investir preto de 43.000 euros

Publicidade

Segundo o delegado territorial, este plan “pretende dar resposta ás necesidades que presentan os concellos no ámbito da mobilidade, o que redunda no correcto desenvolvemento da actividade económica e dos servizos e, en definitiva, na calidade de vida dos veciños”

O delegado territorial da Xunta en Ourense desprazouse esta mañá ao concello de Esgos para manter un encontro institucional co seu alcalde, Mario Rodríguez. Durante unha hora analizaron as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica e fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

A continuación visitaron o camiño de acceso ao núcleo rural de Gomariz, no que están proxectadas unha serie de actuacións de alargamento e mellora da capa de rodaxe, no que a Consellería do Medio Rural -a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR)- vai investir preto de 43.000 euros.

Segundo o delegado territorial, este plan “pretende dar resposta ás necesidades que presentan os concellos no ámbito da mobilidade, o que redunda no correcto desenvolvemento da actividade económica e dos servizos e, en definitiva, na calidade de vida dos veciños”.

Gabriel Alén sinalou que “estas achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño”.

Así mesmo, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

Nesta liña, Gabriel Alén destacou a importancia destes programas de subvencións para as administracións locais, que permiten mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación.