O 1 de xullo reaperturaronse as rutas xacobeas e parte dos albergues, entre eles, o de Oseira. A Xunta de Galicia puxo en marcha no mes de xuño unha campaña para estimular o turismo, amosar a imaxe de terra acolledora e ensinar todo o patrimonio natural de praias e bosques, oferta termal, patrimonio cultural e arquitectónico así como gastronómico.

E asemade, ademais, coa reactivación onte dos camiños a Santiago a campaña engadiu un anuncio que mostra unha peregrina nunha ponte medieval. Pois ben, é a ponte de Sobreira, por onde pasa a Vía da Prata-Camiño Mozárabe.

Unha ponte dun só arco dos séculos XIII e XIV sobre o río Barbantiño que fai de límite entre os concellos de Vilamarín e San Cristovo de Cea e que noutrora separaba as xurisdiccións do conde de Ribadavia e do Mosteiro de Oseira. Resalta o fermoso pretil que está rematado en ambos extremos con volutas.

A fotografía foi tomada por parte do multipremiado equipo creativo de Moaña, GF-Studio, Claudio García e Jacobo Gayo.